Boiro triúnfa no sétimo arte

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Un documental de Marcos Nine sobre o sector téxtil estase a proxectar en Santiago no festival Cineuropa

19 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Desde que comezou a aposta do Concello boirense polo sector audiovisual ata a actualidade pasaron varios anos, pero é agora cando os froitos están vendo a luz. Nomes que no pasado recibiron o espaldarazo na localidade barbancesa están agora no máis alto do sétimo arte galego. O último exemplo é o de Marcos Nine, que está a triunfar cun documental no que reflicte unha realidade social do territorio boirense, as consecuencias da paulatina desaparición do sector téxtil. A cinta, titulada A fábrica , está a proxectarse estes días nun dos festivais máis importantes da comunidade, o Cineuropa de Santiago.

O cineasta boirense Marcos Nine realizou este traballo audiovisual hai un par de anos, por encargo do Concello de Boiro. O goberno local quería reflectir, a través de documentais, diversos aspectos da realidade social do municipio e considerou importante dedicarlle unha cinta ao sector téxtil, un eido que no pasado tivo gran importancia a nivel económico pero que actualmente se reduce a unha empresa.

Nine non se limitou a contar como foron desaparecendo as oito importantes factorías téxtiles que chegou a haber en Boiro e nos seus arredores, senón que recolleu no documental as testemuñas das mulleres que, a través daquelas «fábricas de chaquetas» conseguiron un salario a fin de mes, pero tamén teceron unha importante rede de relacións sociais. A fábrica xa se exhibiu con anterioridade en escenarios de diversos lugares, entre eles, da Habana e de México. Incluso se fixo con dous galardóns en importantes festivais a nivel galego, como son os de Ribadeo e Sada.

Por se todo isto fose pouco, o documental de Marcos Nine proxectouse o pasado sábado no Teatro Principal de Compostela, onde o vindeiro venres haberá un segundo pase.

Longa lista de éxitos

Marcos Nine non é, nin moito menos, o único cineasta que, despois de recibir o apoio do Concello de Boiro veu recompensado o seu traballo na gran pantalla. Foron moitos os mozos que un día pasaron polo centro social boirense a agora se relacionan cos grandes do sétimo arte. Está, por exemplo, Luis Avilés Baquero, que hai pouco presentou a película Retornos, pero que no seu día dirixira un documental sobre as festas boirense por encargo do goberno local.

Tamén está nesta lista Omar Rabuñal, autor de dous documentais sobre o Noitebús e, máis recentemente, dun par de capítulos de Para mariñeiros nós , serie que emite V Televisión.

O último traballo feito por encargo do Concello boirense é un vídeo sobre os 30 anos de historia da banda de música municipal que Fungo presentou o pasado fin de semana no marco do festival Acción.