A Guerra Civil, en imaxes

María Xosé Blanco Giráldez
M. X. Blanco RIBEIRA/LA VOZ.

BARBANZA

Un cento de fotos dos Irmáns Mayo que se exhiben en Boiro permiten mergullarse no conflito bélico

21 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Desde onte, das paredes da sala de exposicións da casa de cultura da Cachada, colgan preto dun centro de fotografías que permiten ao espectador mergullarse na Guerra Civil española. Son, na súa maior parte, instantáneas inéditas que no seu día foron incautadas a través de diversas fórmulas ou entregadas ao Ministerio de Información e Turismo. Desde hai máis dun ano, esta colección está a percorrer diversos puntos da xeografía coruñesa da man da Deputación.

As imaxes, pertencentes aos fondos da Biblioteca Nacional, foron feitas polos Irmáns Mayo, o nome de batalla co que algúns críticos denominaron o traballo de cinco membros de dúas familias: os Souza Fernández (Paco, Cándido e Julio) e os Del Castillo Cubillo (Faustino e Pablo).

Boa parte das instantáneas que conforman a exposición Hermanos Mayo. La Guerra Civil española foron tomadas hai máis de setenta anos. Destacan, por exemplo, as que reflicten o traballo dos soldados ou as sacadas en diferentes rúas de Madrid despois das xornadas de bombardeo. Pero as máis impactantes son, sen dúbida, as das vítimas.

Protagonismo infantil

Tamén forman parte da mostra unha serie de instantáneas dos prisioneiros e outra na que os nenos son os protagonistas. Estas últimas reflicten o que facían os máis pequenos nas colonias escolares ou nos comedores infantís.

A exposición é a testemuña visual dun conflito bélico que provocou un fondo desgarro na sociedade española e pon en valor o compromiso dos compoñentes da axencia Irmáns Mayo coa liberdade e coa democracia. Con ela, a Deputación coruñesa pretende contribuír á recuperación da memoria histórica.

A apertura oficial da colección tivo lugar na mañá de onte e consistiu nun sinxelo acto ao que acudiron o alcalde, Xosé Deira, e os concelleiros Natalia Laíño e Gerardo Piñeiro.

A partir de agora, e ata o 8 de novembro, todos os veciños que o desexen poderán pasarse pola casa de cultura boirense e deleitarse con instantáneas en branco e negro dos combatentes da 43 División, dos presos republicanos no cárcere de Carabanchel, das trincheiras do Ebro, das frontes de Guadalaxara e Madrid ou, sinxelamente, da realidade social dun país inmerso nunha cruenta guerra.