Vinte negocios de Barbanza participan nun plan de Arousa Norte para acoller a turistas invidentes
30 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Formar aos empresarios turísticos de Barbanza para que estean preparados para acoller nos seus negocios a persoas invidentes é o obxectivo no que está inmersa nestes intres a mancomunidade Arousa Norte. A idea está a coller forma estes días mediante un curso de accesibilidade para a atención personalizada deste colectivo, no que están a participar vinte establecementos hostaleiros e empresas de lecer da comarca. O obxectivo final pasa por lanzar ao mercado un paquete dirixido a persoas con diversidade funcional visual.
Pedro López, da empresa Vía Libre, pertencente á Fundación ONCE, é o encargado de amosarlle aos empresarios barbanceses como deben comportarse cando ao seu negocio chega unha persoa invidente. Do que se trata, segundo explicou a coordinado do plan, Irene Maneiro, é «de que saiban desde como recibir a estas persoas ata como prestarlles axuda». Do mesmo xeito, analízanse cuestións prácticas, como o mobiliario que debe retirarse para facilitar o acceso destes turistas.
En primeira persoa
No marco do curso, que arrancou o luns e finaliza hoxe, propiciouse que os propios empresarios se puxeran na pel dos invidentes. Así, cos ollos vendados, os participantes na iniciativa fixeron a ruta do mexillón e percorreron as estancias dun restaurante e dunha casa de turismo rural.
Incluso está previsto que os empresarios se sumen hoxe a unha sesión de ioga na escuridade, co fin de que aprendan a controlar os movementos e o espazo. É que, con todos os coñecementos adquiridos ao longo deste obradoiro, os participantes na iniciativa terán que deseñar un decálogo de boas prácticas para a atención a invidentes en Arousa Norte: «Será un recompilatorio das pautas a seguir polos negocios que formen parte do paquete turístico que se vai lanzar ao mercado», matizou Irene Maneiro.
Polo de agora, confirmaron a súa participación nesta iniciativa os restaurantes e casas que están a ofrecer os bonos gastronómicos e rurais de Arousa Norte, así como as empresas de lecer que fan a ruta do mexillón, pero a idea é que se impliquen máis negocios.
A mancomunidade ten previsto realizar unha experiencia piloto no mes de decembro, organizando unha visita dun grupo de persoas invidentes.