A asociación Refungando asesorará ao longo dos meses de outubro e novembro aos afeccionados á micoloxía
18 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Nos montes de Barbanza están empezando a ver a luz os primeiros cogomelos da tempada. Conscientes disto e do cada vez maior número de afeccionados que hai á micoloxía, os dirixentes da asociación Refungando de Ribeira decidiron poñer en marcha unha especie de gabinete de asesoramento. Todos os luns de outubro e novembro, persoal da entidade estará entre as 20.30 e as 22.00 horas no Ateneo Valle-Inclán para que as persoas que o desexen poidan levar os exemplares de fungos. A cambio recibirán información sobre as súas características.
O obxectivo é, segundo explicou o presidente de Refungando, Jesús Manuel Parada, evitar que os veciños corran riscos: «Todo o mundo sabe que isto da micoloxía é moi perigoso, pero hai demasiada xente que vai ao monte por primeira vez e mete de todo no cesto». O responsable da entidade comentou que, do que se trata, é de axudarlle aos interesados a diferenciar as distintas especies: «Imos asesorar á xente para que saiban que exemplares son comestibles e cales non. Tamén lles daremos unhas nocións básicas para que, cando estean no monte, saiban a primeira vista que tipo de fungos deben descartar».
Neste sentido, Parada comentou que en Barbanza hai moitos tipos de cogomelos que son tóxicos: «Os tres ou catro exemplares que se deberían evitar a toda costa poden atoparse nesta comarca. Un deles é a amanita phalloides, o fungo velenoso por excelencia, moi abundante por toda a zona costeira das rías Baixas».
Pero nos montes de Barbanza tamén poden atoparse moitos cogomelos comestibles, e incluso das especies máis demandadas a nivel gastronómico. Entre eles atópanse o boletos edulis, «dos máis apreciados na cociña e dos que máis se comercializan a nivel mundial»; a cantarela e o níscalo.
Co fin de que os barbanceses teñan ampla información sobre todas as especies que poden atopar nos montes de Barbanza, Refungando completará o gabinete de asesoramento denominados Luns Micolóxicos, cunhas xornadas, que se desenvolverán o primeiro fin de semana de novembro. Nelas está confirmada xa a participación de José Luis Tomé, secretario da Federación Micolóxica Galega, que falará do xénero amanitas.
A maiores, o 16 de outubro achegarase a Barbanza José Manuel Castro Marcote, que ofrecerá unha charla sobre os cogomelos nos ecosistemas dunares. A actividade completarase cunha saída pola zona do Vilar.