O robot camareiro

BARBANZA

Despois de que nos anunciasen que iso de subirnos a idade de xubilación vai para diante, e que a pouco faltar a pensión só nola darán cando teñamos un pé no Máis Alá, Xulio di que non entende a sociedade moderna, que tantas cousas boas nos promete e tantas cambadelas nos pon, xusto agora, cando os estadistas nos lembran que o baixo índice de natalidade fai perigar a súa retribución, e cando os gobernos deberían poñer ás parellas a facer fillos -para asegurar o futuro-, empregan os miolos en artellar aparellos que fomentan parados e desamparan ós pensionistas. E como en tempo de crise todo é inconformismo, falamos do incremento do paro, con eses vaivéns que ás veces nos dan un respiro e outras unha patada no peito, cando en feiras de mostra, congresos, prensa especializada e no telexornal se nos dá a entender que, na era tecnolóxica os oficios manuais van por terra, sen darnos tempo a reciclarnos, e non se sabe que é mellor, se o arrasador avance técnico ou a inactividade subsidiada; e atragántasenos a comida cando, despois de dar a última malanova sobre a situación económica, anuncian as marabillas dos robots resabidos que nos prometen unha vida chea de comodidades.

Di Xulio que a tecnoloxía vai por diante das necesidades sociais, e se ben isto é bo na maioría dos casos, outras veces é nefasto, só hai que lembrar como a sociedade do XIX non daba abasto con tantas folgas por mor de que as lanzadeiras dos teares ían prescindir da man de obra humana para contratar máquinas que non comen caldo, e mentres os empresarios dicían que así saían as teas máis baratas, todos, vendo como aumentaban as listas de parados, se apuntaban, da noite para a mañá, a aprender o oficio de mecánico.

E daquela, ¿que nos agarda agora que a robotización chega ata ós camareiros de restaurante?, ¿que se poña de moda o oficio de programador de camareiros? -pregunta Xulio con sorna-. Con estas novas, o futuro preséntase desolador para os camareiros pero beneficioso para os empresarios de hostalería. É a dobre cara que ten isto da tecnoloxía: comer nun restaurante será máis barato, pero os camareiros en paro ficarán sen o menú do día.

O robot camareiro, que xa está facendo prácticas nalgúns restaurantes de Tailandia, é un aparello con trazas de persoa, un tiparello (de tipo e aparello) amable, sevizal, que con delicados movementos serve o xantar sen meter o dedo na sopa e nunca che dá gato por lebre. Un currante que non está afiliado á ningún sindicato, nin promove folgas, nin esixe subidas de soldo. Ata agora, ti podías chamar polo camareiro e poñelo vermello porque o arroz estaba pasado ou a carne crúa, pero agora, o tiparello este, de nome Motoman, nin se inmuta cando o cliente se enfada, aguanta todos os improperios que lle boten e, os hostaleiros que o viron en acción, xa soñan con rescindir os contractos dos seus empregados de carne e óso para meter unha lexión deles, que ademais de non quedarse coas propinas, non esixen a media hora para botar un pito.

Se non fose pola crise a cousa era simpática, pero ó mirar a letra miúda descubrimos algo tráxico: a dona do restaurante que os puxo a servir só pagou pouco máis de 150.000 euros por catro, tendo en conta que antes de calquera chequeo un tiparello destes pode botar catro anos consumindo só unha carga de batería por día, o negocio da empresa, a conta da plusvalía do enxeño, está asegurado e aumenta anualmente. O grave é que ó non ter tarxeta sanitaria non cotiza á seguridade social, nin contribúe a pagar o desemprego dos camareiros que ficaran con vacacións indefinidas.

Ás veces, a tecnoloxía adiántase demasiado ás necesidades sociais.