A fragmentación pública

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

27 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

É unha mágoa que non estean nos noticieiros as grandes partidas de xadrez como aquelas protagonizadas polos rusos Kárpof, Kaspárof ou o islandés Bobby Fischer. Para coñecer quen é o vixente campión do mundo, Viswanathan Anand, un indio da India, tiven que botar man da wikipedia.

O xadrez é un xogo de máxima concentración mental e sosegado temperamento, situación na que se topará estes días o Sr. Núñez Feijoo cavilando que facer para reintegrar os dous mil seiscentos millóns que nos anticipou o Estado cando gobernaba o bipartito, recortar outros mil no presuposto do vindeiro ano e pescudar cáles son as dúas grandes obras que o lucense ministro de Fomento anuncia recortar en Galicia. Nós, os barbanceses, estamos tranquilos xa que temos a autovía rematada e con sinal de cento vinte por hora.

O que algunha xente -pouca- se pregunta é porque temos que devolver ese diñeiro. Moi sinxelo, porque nos adiantaron máis do que nos correspondía levando mal as contas ou quizais por esa maldade moi dada en política de «o que veña detrás que arree».

Certo que o presidente galego, que está facendo un axuste de cabalo para saír da crise cun rigor no gasto público exemplarizante, non merece achantar cunha herdanza desastrosa sen máis, pero isto amosa que en España non hai unha política fiscal coherente entre os territorios e que urxe un cambio radical na mentalidade política de tal xeito que se premie a boa xestión -Galicia- e se castigue a mala -Cataluña-, nestes intres.

Por outra banda tamén os concellos e as deputacións reciben mensualmente unha participación nos ingresos do Estado sen que teñan a obriga de xustificar en qué se gastan. Isto impide que os gobernos autonómicos poidan facer certas políticas propias en cada territorio, polo que se reafirma a conclusión, xa aquí moitas veces exposta, de que ou sobran as comunidades autónomas ou sobre o Estado das Autonomías. Este sistema fiscal e financeiro español tan amplamente fragmentado coma que, por exemplo, o imposto municipal de vehículos sexa diferente entre Ribeira, Muros ou Rianxo, supón unha distorsión do sector público que non axuda a recuperación económica, senón todo o contrario.