Antonio González Groveiro, primeiro alcalde democrático de Porto do Son

Auxe e caída dun rexedor camaleónico


Despois das primeiras eleccións do ano 1979, a UCD obtivo 6 edís, o BNG acadou 3, o PSOE só conseguiu 2 e a AMDG quedou con 6. Con estes resultados de clara tendencia progresista, nomeouse como primeiro rexedor da democracia a Antonio González Groveiro, líder da AMDG.

O máis salientable deste mandato foron os cambios que sufriu a corporación. Os partidos renovaron algúns concelleiros e o BNG mesmo expulsou a dous edís. Pero o cambio máis transcendente operouse nas filas do equipo de goberno. O 16 de maio de 1981 La Voz de Galicia publicaba: «El alcalde deja el PCG porque no está de acuerdo con las arbitrariedades de CC.?OO., que defiende la organización». Dez meses despois, solicitaba o seu ingreso no PSOE.

Cando no 1983 se celebraron as segundas eleccións, González Groveiro renovou o seu mandato ao obter na votación plenaria 13 votos, mentres que o seu opoñente, Carlos Vinagre Díaz, da Coalición Progresista, só obtivera 5.

Resultados parecidos tería en 1987, cando con 10 concelleiros se impuxo ao CDS, o BNG e AP. Esta terceira maioría absoluta levou o rexedor a adoptar comportamentos autoritarios. Así, o 27 de agosto deste ano, publicou un bando onde, ademais de acusar o xornal La Voz de Galicia como «Diario-Juez que se proclama el único poseedor de la verdad», ameazaba a súa correspondente coa publicación doutro bando «en el que se informará claramente de las propuestas íntimas que le hizo a la persona del alcalde». Unha insólita actitude que a Audiencia condenaría coa pena dun mes e un día de arresto maior e multa de 50.000 pesetas por un delito de inxurias graves.

Novos erros

Malia esta sentenza, González Groveiro continuou cometendo máis erros. Liderou unha campaña contra o patrón maior da confraría, acusándoo dun presunto desfalco, e permitiu a destrución do castro Da Enxa para construír o Servizo de Vixilancia Marítima.

Aínda que cada ano amosaba unha faciana máis polémica e mesmo ameazara con abandonar o PSOE, «se non lle paraban os pés ao avogado e militante socialista Quintáns Queiruga», nas eleccións de 1991 obtivo a cuarta maioría absoluta, fronte aos seus rivais: o Partido Popular liderado por Lavid Fontecilla, e Nieto Abeixón, do BNG.

Durante este mandato, o rexedor dará outro paso máis na súa metamorfose política. O 2 de outubro de 1991, El Correo Gallego anunciaba que «González Groveiro y nueve ediles socialistas abandonarán el PSOE». Uns meses máis tarde, a concelleira Concepción Lavid solicitaba o apoio de Quintáns Vila para derrocar o alcalde de Porto de Son. Malia que o primeiro tenente de alcalde manifestaba no mes de xaneiro de 1992 que o grupo de goberno estaba «cohesionado», no mes de maio era cesado. Unha decisión que provocaría no futuro as sospeitas de que Antonio González Groveiro, logo de que os populares facilitasen a baixa de Concepción Lavid na súa formación, axiña entraría na organización conservadora.

Mentres Quintáns Vila anunciaba que dimitira antes de ser cesado, e afirmaba que detrás dunha urbanización de 27 chalés «hay gato encerrado», a crise municipal agudizouse de tal xeito que un edil denunciou ante os medios de comunicación que Groveiro lle ofrecera «un coche por dejar el PSOE».

O 21 de agosto de 1992, despois de manter unha dura disputa con Ventoso Mariño, que o acusaba de pactar co PP por supostas axudas recibidas da Xunta, La Voz de Galicia anunciaba que «El gobierno local de Porto do Son y 38 militantes abandonan el PSOE».

Tres anos despois, La Voz de Galicia (9 de febreiro de 1995) confirmaba a súa candidatura como alcaldable independente polo PP. A vitoria da esquerda nas eleccións de 1995 que obtivo 9 concelleiros, 5 do PSOE e 4 do BNG, motivou a súa caída da cadeira presidencial. A derrota nos sucesivos comicios, provocarían o seu afastamento da política.

Despois de analizar a súa faciana camaleónica, sempre nos queda unha dúbida: ¿Miraría o carné rubricado por Fraga co mesmo orgullo que exhibira polos cafés o asinado por Carrillo?

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

Antonio González Groveiro, primeiro alcalde democrático de Porto do Son