A Comunitat Valenciana conta cun plan de praias accesibles segundo o cal se disporá de aparcadoiros reservados, ramblas e pasarelas especiais para cadeira de rodas, lugares de sombra, cabinas adaptadas, cadeiras e muletas anfibias, persoas de apoio, etc. para acadar máis igualdade das persoas eivadas. Eu tiven ocasión de facer uso deste servizo, que traballaba arreo, en Santa Pola, un pobo coa poboación de Ribeira, co gallo dunha viaxe que fixera coa intención de visitar unha familia pobrense dedicada alí á restauración, topándome con algo moi doroso como foi que a dona, andaluza de nacemento e pobrense de fervorosa adopción, había finado.
Lembrando tan eficiente servizo e aproveitando unha visita a Terra Mítica en Benidorm cun colega amputado, fun provisto de bañador e na praia de Levante vin o letreiro. Pero, ¡nuestro gozo en un pozo! Había pero non había. Explícome. Á vista estaba o carriño anfibio, o mesmo modelo que se mercara para a praia de Cabío no 2000 que rematou oxidado e que nunca puiden usar, pero non tiñan ducha, nin inodoros, sala de espirse, grúa de transvase e demais aparellos para estes casos. Iso si, había dúas amables persoas encargadas do «chiringuito», ás que lles falei do de Santa Pola e tamén lles preguntei canta xente levaban á auga. Menos de media ducia o ano pasado.
Cavilando no tema, veume á memoria a vella disquisición da orixe humana. ¿Qué foi antes, o ovo ou a galiña?. Evidentemente coincido coa teoría publicada no xornal inglés The Times , segundo a cal un científico, un filósofo e un avicultor resolveron que antes foi o ovo, teoría que aplicada neste relato suporía que eu xa daba por descontado que en cidade tan importante coma Benidorm, con máis de setenta mil almas, toparía cunha fermosa galiña. Co que menos podía contar era con que, precisamente, fallase a incubadora.
Nestes tempos de tribulación andan os concellos pedindo máis diñeiro e máis competencias, xa que din garantir e prestar mellores servizos que entes superiores. Así debería ser, pero non é. ¿Como se pode entender que se paguen dous salarios para un servizo inoperativo por carencia do máis barato?. Así nos vai.