A partida de cartas

BARBANZA

Sempre hai un bar que cada tarde funciona como centro social para botar a partida, maiormente entre xubilados que non poden faltar á súa cita cos naipes. É como un ritual de sobremesa, un momento sagrado, un tempo no que se pode camiñar polos pólos do ánimo coa desculpa de que con eles se aviva a estratexia, exercítase a memoria e o cálculo, maniféstanse as emocións e estréitase a amizade; quizabes por iso, arredor da mesa con tapete sempre hai espectadores a mirar e comentar as xogadas; e polo número de miróns sábese da categoría dos xogadores. Partidas de cartas houbo que revelaron a condición dunha persoa no fragor da discusión por xogar un triunfo a destempo, e partidas famosas lémbranse en todos os pobos e vilas.

E nese ritual de cada tarde, ás veces arrimo unha cadeira e miro a partida dalgún coñecido, sorprendéndome de por que uns teñen fama de grandes tuteiros e outros, pola contra, son os suplentes que ocupan un sitio cando falta algún dos cotiáns.

Estoutro día, parando a tomar café pola banda de Bergantiños, chamoume a atención un paisano que miraba a partida, calado -os miróns non falan-, moi educado, pero cando se soltaba a última carta sobre o tapete non podía deixar pasar o seu acendido e apaixonado comentario, que todos atendían, un tipo de quen se podía apreciar o moito que sabía do xogo, que se emocionaba, que protestaba, que reclamaba a uns e outros cal carta debían ter botado en cada momento, que levaba a conta dos triunfos, da palla e dos tantos de cada un, pero non xogaba. Nin sequera cando alguén desde outra mesa solicitaba un compañeiro para facer parella.

Sorprendido de tanta paixón, comenteino co camareiro, quen nos dixo que aquel fora sempre o mellor xogador de Tute de toda a bisbarra, ata que se xubilou, e cando se xubilou perdeu a primeira partida da súa vida e nunca máis quixo volver a xogar; «aquel día soubo por que gañaba», dixo.

Na súa vida laboral fora o director do único banco dese pobo, e nel estivo desde que se montou a primeira oficina, un home popular e sempre atento con todos, que levaba a paixón da baralla na alma, e non había día no que, despois do xantar, non baixase a este mesmo bar a tomar o seu cortado e botar a partida cos paisanos que se lle xuntasen, falando no entretanto de hipotecas, préstamos e bonos do Tesouro. Se por razóns de traballo tiña algunha comida de empresa, tamén botaba a partida de sobremesa cos seus compañeiros, e sempre, ó final, era el quen ganaba.

Observaba a maneira de xogar dos seus contrincantes, e era normal que ó remate se erguese e lle dese as gracias -as gracias sen sorna e si con agradecemento- a alguén por botar determinada carta que sentenciaba o xogo, mentres que outras veces, ó erguerse, facíao con aire de suficiencia recomendándolle ó contrincante practicar máis. O director sabía quen lle facía a pelota e quen xogaba con interese. Din que cando viña un oficinista novo, o primeiro que lle ensinaban era a xogar ó Tute e a deixar gañar ó xefe sen que se lle note. Ninguén sabe por que. Era unha norma tan estendida que nunca se discutía. Unha norma que acataban por igual compañeiros, subordinados e clientes. Pero o día da xubilación, despois de facerlle un populoso banquete de homenaxe, propuxo que en tan sinalada data non ía marchar sen botar a súa partida. Escolléronse os xogadores, arrimáronse cadeiras e mesas para facer gradas, e por primeira vez na súa vida, para asombro de propios e estraños, perdeu diante do seu substituto.

-Agora vou ser eu o director- reclamou o novo os favores do vello.