Veciños e políticos coñeceron a realidade dos campos de refuxiados de Tindouf da man do colectivo Agareso
08 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O acto que tivo lugar a noite do sábado en Boiro, da man da asociación cultural Borobó foi a primeira parte dunha iniciativa que terá a súa continuidade a comezos do mes que ven. O que se fixo foi dar a coñecer a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios, Agareso, e saber de boca dos seus representantes as condicións de vida nos campamentos de refuxiados de Tindouf. O colectivo aproveitou para amosar unha serie de fotografías sobre o proxecto Vacacións en paz , que recalarán de novo no centro social da localidade en xullo.
Foi o presidente de Agareso, Juan De Sola Vollbrecht, o que se encargou de explicarlle aos asistentes, entre os que se atopaban un nutrido grupo de veciños e algún político, os obxectivos da asociación, cualificándoa coma unha «organización sen ánimo de lucro, formada por un colectivo de profesionais do mundo da comunicación que están comprometidos coa produción, realización e difusión de proxectos de cooperación e solidariedade».
Colección fotográfica
De feito, a iniciativa que despois presentou o fotógrafo Pelu Vidal, foi unha crónica que el fixo sobre o proxecto Vacacións en paz , dividida en dúas partes: a vida cotiá dun grupo de nenos no campamento de Tindouf e a súa experiencia ao longo dun verán que pasaron en Sanxenxo.
O obxectivo era que estas imaxes quedaran penduradas nunha das salas do centro social pero, debido a cuestións de carácter técnico, acordouse pospoñer a exposición ata o vindeiro mes. Os veciños terán ocasión de ver as instantáneas entre o 1 e o 15 de xullo.
No acto do sábado tamén estiveron o presidente do colectivo Borobó, Jorge Campaña, e Paola García Paz. Despois das intervencións e da proxección do documental Realidades del cono sur: Mi nombre es X , abriuse un pequeno debate, que algúns dos presentes aproveitaron para poñer enriba da mesa as trabas que hai agora para acoller a nenos saharauís, de feito, este ano non recalará ningún no municipio boirense.
O peche desta xornada de carácter solidario correu a cargo do primeiro tenente de alcalde, Juan Jesús Ares, quen destacou a importancia deste tipo de actividades para facer visibles problemas cos que de algún xeito poden solidarizarse todos os veciños.