¿Esquecer, non esquecer...?

Protágoras

BARBANZA

21 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Se perseveramos en reflectir os recados que nos mandan sobre as nosas opinións no Miradoiro, non quere dicir que sexa porque queremos nin porque nos manden. Tampouco quere dicir que queiramos nin teñamos que volver para profundar no tema, senón que, como neste caso, o noso desexo é o de ofrecer o reflexo do recado, tal e como nos chegou, pero, ademais, contemplado noutro aspecto diferente ao que tivo na intención de ser mandado. En fin, o mesmo recado é motivo e tema do resultado.

Sobre o Valle de los Caídos, do que Olegario dixo, nesta semana pasada, que «se cae que caia», chegounos esta chamada, que escusándolle o veleno, tal como veu, así vai, en castelán, sen que saibamos moi ben por que foi mandada: «Olvidamos que sabemos. Aunque ayudamos a quienes persiguen, olvidamos. Olvidamos, aunque colaboramos y somos cómplices. Asumimos el camino marcado como si no hubiera otro, y olvidamos. Olvidamos que fue posible, que fue real, que en los años treinta anarquistas, comunistas y socialistas murieron construyendo un camino al socialismo. A poco menos de 75 años de la proclamación popular de la II República, necesitamos construir una izquierda que recupere el pasado para construir el futuro. Es hora de dejar de mirar a otro lado y recordar». (Diego Farpón).

«¿Será polo de Garzón?», tivemos que preguntarnos, dado que a tendencia ideolóxica que é natural na sentencia non garda correspondencia co desexo de «olvidar», se neste sentido fose o da frase do Olegario. Por isto deberá ser Olegario quen o aclare. E así o pensa el, porque de seguida nos di que non está de acordo coa conclusión da mensaxe. É verdade que debéramos mirar de fronte á realidade e que nos convén saber quen foron nosos pais e nosos avós. Que un saiba de onde procede e que non viva no engano. Se algo debemos recuperar é o noso propio pasado, se é que o temos, pero andamos despistados. E se demos en perdelo, debemos recuperalo, día a día, ata avistalo futuro e ata chegar a palpalo.

O pasado dos nosos predecesores nunca poderá ser noso, aínda que del se derive o propio sangue. Só as nosas obras serán o noso pasado, que o futuro para nada nos pertence. Só seremos responsables de aquilo que construamos, axudando ou permitindo, pero nunca do que puideran realizar os demais. Dese pasado só nos cabe respectalo ou aceptalo. Pretender ignoralo e deixar de valoralo por unha ou outra maneira, sería en van, porque está vivo en nós, ben como pulso resistente da vida en fronte da morte ou ben como verme alleo ao corazón da mazá na que latexa.

O que pasa, moitas veces, é que se dá certa insistencia enfermiza na busca da identidade pasada de moitos que din que senten que na tiveron; a uns porque no lles conveña e outros porque non saben nin queren recoñecerse no seu pasado recente. Mais, en canto o pasado ofrece os dividendos á vista, ninguén renuncia a esa herdanza.

Delátannos as obras, as palabras e os xestos, porque a miúdo, sen saber o que queremos, seguimos aquilo que desexamos. E, ao non saber quen somos, non sabemos onde estamos. Temos que reencontrarnos e vamos camiño do cemiterio. E nisto, en que o facemos, podemos estar de acordo, porque é de necesidade. Non obstante, nada renace da morte, nin soñando, que iso é cousa de crentes e de cristiáns. Se o noso futuro é ese, para nós a vida estará do outro lado, do que non sexa esquecemento. Edifiquemos nela conscientes de que o facemos, sen esquecer o que somos en «seguidismos» estraños. Construamos o futuro, se queremos ter pasado.