E se cae, que caia

Protágoras

BARBANZA

Outros xa caeron antes, e mais non foi para tanto. E en todo caso, para o Valle de los Caídos, nada lle é máis apropiado que caer. Isto foi o que pensou Olegario, en canto leu a noticia dos sinais ameazantes de perigo de derrube progresivo no eximio monumento do espírito franquista. Segundo o noso home sabía, o mausoleo faraónico ao que a noticia aludía fora levantado en tempos apenas lonxe dos de onte idos, pola forza dos brazos dos españois sometidos baixo os primeiros mandatos ditatoriais do ex xeneralísimo Franco.

Pode que con pretensións de eternizarse máis alá do que dá de si a vida, o anterior xefe do Estado dispuxo que os derrotados pola súa man na guerra debían furar na roca dunha montaña en amplitude sobrada para el dispor do seu nicho; onde hoxe xa está enterrado. Ben é certo, non obstante, que o xeneral tamén dispuxo que non fose aquel lugar dun único enterramento, como se fose a Catedral de Santiago, aínda que del se esperase que, quizais pasado o tempo, o mesmo tamén servise como punto receptor de peregrinacións devotas.

Por isto foi que, acaso para evitar rexeitamentos posibles de futuros renegados, neste espazo subterráneo, aos dous lados do altar, detrás do que están as tumbas de José Antonio Primo de Rivera e Franco, existen dúas capelas con boa parte dos restos das máis de 40.000 persoas das que hai enterradas na basílica, caídas nos frontes da Guerra Civil de España, aproximadamente nun igual por metade de cada bando.

Sobre o Valle de los Caídos foron moitas as leccións que se impartiron nun pasado non remoto aos alumnos, hoxe adultos xa maduros, tirando máis ben a vellos, da comarca de Barbanza. Di Olegario que, daquela, nunha educación mediana contaban sen paliativos os principios e valores da Falanxe. E recorda a don Alberto adoutrinando aos pupilos de dez e de ata quince ou máis anos, entre os que el mesmo se contaba.

Era don Alberto manco, quizais a consecuencia da guerra, pero de verbo fluído e conformado de substantivos curtidos e convincentes e adxectivos asentados. Pero nada se recorda comparable a escoitar a don Alberto falando daquela cruz xigantesca (150 metros de altura por 46 de brazos) levantada pedra a pedra, palmo a palmo, baixo a inspiración constante do xeneralísimo Franco.

Dende o pé apuntalado das catro figuras pétreas das virtudes cardinais -prudencia, xustiza, fortaleza e temperanza-, á súa vez, asentadas sobre a base principal, o mesmo tempo gardada por cada esquina pola escultura dun dos catro evanxelistas, cada quen por cadansúa, cara os puntos cardinais, o mesmo que as virtudes, situadas por enriba. Todo en conxunto afirmado sobre a mesma dura roca do outeiro no que se interna a basílica, á que a roca lle serve tamén de teito. Sobre o pórtico que dá entrada ó sagrado subterráneo, xace Cristo, recostado coa cabeza sobre o regazo da Virxe; ambos conforman un bloque tallado en pedra de Colatorao, roca de caliza escura, na que tamén foron talladas todas as outras figuras.

O monumento, pola súa cruz, a máis grande da cristiandade e visible dende 40 quilómetros de distancia, foi construído «para perpetuar la memoria de los caídos de nuestra gloriosa cruzada [?]. La dimensión de nuestra cruzada, los heroicos sacrificios que la victoria encierra y la trascendencia que ha tenido para el futuro de España? ».

Aquí é onde Olegario dá en relacionar o contido da noticia cos da memoria das vivencias da súa infancia na comarca de Barbanza. Se entende que o monumento se caia e que non importe, a pesar da súa grandiosidade, é porque tamén entende que este non foi levantado para dar gloria á cruzada, senón para seguir espantando, despois de morto o Caudillo, ás pantasmas principais dos españois que, se o eran, era só porque así o pensaba Franco. Visto que hoxe xa non hai pantasmas, de aquí que pense Olegario: «E se cae, que se caia».