A transición

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

Supoño que somos incorrixibles e, por iso, algúns semella querer volver ás andadas nunha España na que os impulsos cegos que desencadearon tantos horrores foron o odio e o medo, segundo Manuel Azaña. Case nada.

Eu son partidario dunha lei da memoria histórica que abarque todo o século XX, pero para nada a zapateril 52/2007 que só atinxe á guerra civil e á ditadura franquista, xa que os considerandos e os resultandos desta lei non poden amosar, obxectiva e legalmente, o que no presente é relevante. Vexamos.

Para comezar habería que exporse a legalidade da monarquía actual, xa que provén do franquismo, polo que, deslexitimando a ditadura, o resultando é claro. Por iso o que se fixo na transición foi, precisamente, legalizar a ditadura para poder lexitimar a restauración monárquica. Do mesmo xeito, deslexitimando a guerra civil quedaría deslegalizada a II República, que non xurdiu dunha transición, senón da abdicación forzada de Alfonso XIII sen un plebiscito ou referendo.

Eu sei algo das checas do terror que houbo na Pobra e tamén das represalias falanxistas por conversas tidas con persoas de ambos os dous bandos. Sen embargo aínda non dei con algunha publicación rigorosa ao respecto e abofé que me gustaría, xa que a terra vivencial de Valle-Inclán sempre foi moi política e moi ideoloxizada, nada que ver cos concellos de bisbarra. Por exemplo, nunha publicación deste xornal do 26-09-2009 aparece unha nova referida aos asasinados da provincia da Coruña no subcampo de concentración nazi de Mauthausen-Gusen. De todos os concellos que abarca esta edición de Barbanza-Muros-Noia, documéntanse con nomes e apelidos seis homes, dos cales cinco eran pobrenses e un de Ribeira.

Do mesmo xeito, tampouco debemos esquecer que na década dos vinte houbo outra ditadura, a do xeneral Miguel Primo de Rivera, vista con bos ollos polo socialismo e non polos liberais, que durou sete anos e na que houbo de todo. A devandita ditadura si ten moita relevancia coa situación vixente, polo que non se entende que quede ao marxe da lei de memoria histórica. Por isto, a transición posfranquista supuxo unha regularización da legalidade institucional española sen precedentes, en liberdade, por consenso e co parabén do 87,87% dos votantes e unha participación do 67,11%.