A Xunta reduce un 35% as axudas aos equipos de normalización lingüística da zona do Barbanza
BARBANZA
Na concesión de axudas para o ano 2010, o Goberno galego deixa aos equipos de normalización e dinamización lingüística (Endl) da comarca do Barbanza cun 35% menos de orzamento que o ano pasado. Dos 45.473 euros que a Xunta entregou no curso anterior, en 2010 os centros de ensino repartiranse 29.770 euros, o que supón 15.703 euros menos. A Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Barbanza manifestou, tras ter coñecemento desta decisión do executivo de Feijoo, sinalou: «Parécenos totalmente inadecuado que se concedan estas axudas en abril, cando quedan apenas dous meses para o remate do curso, o que provocou que a actividade dos equipos estivese practicamente paralizada durante todo o período lectivo». Neste sentido, a mesma coordinadora declarou: «Se a redución da contía das axudas xa era o suficientemente importante en Galicia (20%), constatamos como se discrimina aínda máis á comarca do Barbanza, onde se reciben un 35% menos de axudas que o ano pasado. Estas cantidades farán que se impida a realización de actividades de carácter cultural e lingüístico, que se deixen de editar materiais ou revistas que tiñan unha longa traxectoria nos centros e excepcional recepción entre o alumnado e as familias». Por último, a institución diríxese á Xunta facendo un chamamento ao diálogo e á negociación para evitar que a Consellería de Educación non continúe por este camiño «de discriminación do ensino público porque é prexudicar aos nenos e nenas, ademais do futuro da nosa sociedade», afirman. O PSdG súmase á denuncia O viceportavoz do grupo socialista, José Manuel Lage Tuñas, dixo onte neste sentido que «perigan algunhas actividades e materiais que se viñan elaborando con gran éxito dende hai bastantes anos». Ademais apuntou que considera necesario que o Goberno galego «aporte algunha explicación».