O topónimo «insua» procede do étimo latino insula, e do seu diminutivo *insuculam, a través do provenzal derivaría «illa». Case sempre aluden a terras rodeadas total ou parcialmente de auga de mar, aínda que existen lugares nos que unha illa se forma no interior dun río. No primeiro caso é máis frecuente atopar illas, no segundo, insuas. Tal é o caso de San Xián de Ínsua e San Salvador de Insua, ambas parroquias do concello de Taboada, terras envoltas polo río Miño e por dous dos seus afluentes, na provincia de Lugo. Na parroquia de San Xoán de Macenda, a máis norteña de Boiro, nunha contorna de engurras xeolóxicas que preludian as maiores elevacións da serra do Barbanza, onde os ríos Grande e Brea confunden as súas augas, sitúase o pequeno núcleo de Insuachán. A súa dobre condición de illa, por estar entre augas e entre elevacións de granito, dálle o seu sonoro nome.