«Hai que romper coa mala imaxe que ten a vila, porque é irreal»

Despois duns anos desenvolvendo un importante papel na cultura barbancesa e de ser concelleiro en dous mandatos, Pastor Rodríguez acadou a alcaldía sonense


Xoán Pastor Rodríguez Santamaría (Xuño-Porto do Son, 1973) é licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. Seus pais, Luísa e Claudio, teñen oito fillos: cinco homes e tres mulleres. Pastor Rodríguez está recentemente casado. É home interesado pola cultura e polo que ela produce, autor de varias publicacións, entre as que destacan Escritores da Barbanza , Dicionario de escritores ribeirenses e Dicionario Ramón Piñeiro . Exerceu de profesor en colexios e na actualidade é alcalde do Son. É puntual na cita. Recorda antes de comezar a conversa que de neno estudou no Son para logo facer o Bacharelato no Instituto Número 1 de Ribeira.

-Din que saír do pobo para ir estudar a Santiago marca carácter.

-Foi unha experiencia que significou un cambio. Era vivir fóra sen depender de ninguén. Todo estudante debe pasar por esa situación. A vida nocturna de Compostela, tan rica. Hai de todo. Participas en faladoiros. A biblioteca universitaria. Son vivencias que marcan o futuro, tanto persoal como profesional. -¿Por que será que tantos mestres se converten en políticos e ademais queren ser alcaldes? -Será a ansia de descubrir algo máis que non atopamos noutro sitio. Penso que os partidos buscan sempre alguén que destaque nalgún eido. Pode ser a vida social, cultural, etcétera. -¿Que calidades se lle deben presupor a un político? -A primeira é a honradez; a sinceridade e capacidade de traballo son as seguintes da lista. -¿Como se definiría dende a perspectiva de galego, titulado en filoloxía portuguesa que está dentro do PSOE e que ademais exerce como escritor? -Un home intentando construír cada vez a realidade. Dicía Ramón Piñeiro «formarse para gañar a realidade». -¿Estaba Ramón Piñeiro dentro dese pensamento? -Fixen un ensaio sobre el. Vino un home sorprendente con lucidez de pensamento na realidade que lle tocou vivir. Para min é o máis grande filósofo que temos en Galicia e que fai un esforzo para achegarnos á filosofía universal, coa tradución da obra do alemán Heidegger. -¿Que está disposto a facer por Porto do Son? -A dar todo o que podo dar. Hai que romper coa mala imaxe que ten a vila, porque é irreal e foi aportada por algúns medios de comunicación. Algún día dirase algo disto. Podo ofrecer capacidade de diálogo. Penso que falando coa xente conséguense as cousas. Falo, por exemplo, do castro de Baroña, do plan especial que está pendente de aprobarse por falta de terreos. Os visitantes non teñen a ninguén que os guíe polo xacemento. Non hai un centro de interpretación á beira del. O que hai está deslocalizado. O castro ten malos accesos. Se arranxamos isto, penso que acadaremos mellorar a imaxe do Son. Pero temos que colaborar todos. -¿Como andan as relacións persoais entre vostede e Manuel Tomé, anterior alcalde e actual xefe da oposición? -Nin mal nin ben. Nunca tiven ningún problema con el. Considereino un amigo que fallou á lealdade de tal. Neste momento está interpretando o papel que lle corresponde como xefe da oposición, pero máis nada. -Se lle din que ten que vender Porto do Son en poucas palabras, ¿que nos diría? -Hai que vir a Porto do Son por varias razóns, entre as que destacan: as propias da paisaxe humana, as de paisaxe de natureza e polas nosas ricas e diferenciadas tradicións. Pero por enriba de todo está o acollemento que fan os veciños á xente que nos visita.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

«Hai que romper coa mala imaxe que ten a vila, porque é irreal»