«Ribeira vai ser referente no eido dos misterios»

BARBANZA

O ribeirense conseguiu que Jesús Callejo e Nacho Ares accederan a participar nunhas xornadas na cidade

17 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O antigo Exipto é a gran paixón de Luis González, o ribeirense que forma parte da directiva do Ateneo Valle-Inclán e que desde hai meses está inmerso na organización dunha actividade que promete facer historia en Barbanza, as xornadas do misterio.

-Va impartiu varias conferencias en Ribeira sobre Exipto, ¿como xorde ese interese por este tema?

-É unha afección que teño desde hai 15 anos ou máis. Creo que sempre me gustou o tema, o que ocorre é que antes era complicado atopar bibliografía e agora, con Internet, un pode acceder a todo canto desexa.

-¿Foi esta afección a que o levou a embarcarse na organización das xornadas do misterio?

-Era unha idea que eu viña barallando desde hai tempo. Galicia é terra de enigmas pero non hai unhas xornadas que traten este tema. Queriamos facer algo que colocara a Barbanza nun lugar privilexiado que, aínda que só sexa por uns días, o nome da comarca circulara a nivel nacional. Ribeira vai ser referente no eido dos misterios.

-¿Cre que van espertar tanto interese as xornadas?

-Sei que na zona hai a moita xente á que lle interesa o tema e temos confirmada a presenza de xente de Santander, Zaragoza e outras cidades. Nacho Ares e Jesús Callejo son dous personaxes que teñen unha traxectoria destacada. Hai que ter en conta que Callejo colabora desde hai cinco anos nun programa radiofónico, La rosa de los vientos , que ten uns niveis de audiencia elevadísimos.

-¿Cre entón que o éxito das xornadas está case garantido?

-No caso de Callejo, cónstame que ten moitos seguidores en Barbanza e que hai xente que quere velo en directo. Penso que este é o aliciente principal das xornadas, pero tamén é importante o tema que se vai tratar. Estamos nun Xacobeo que non se vai repetir ata dentro de 17 anos e vaise tratar algo tan noso como é o nacemento da figura do peregrino. O Camiño de Santiago é o tema estrela das xornadas e creo que vai espertar moito interese.

-¿Nacen estas xornadas co obxectivo de continuar no futuro?

-Por suposto, a miña intención é que teñan carácter anual. O que ocorre é que o futuro é un pouco incerto. Por unha banda, depende do éxito que teñan estas primeiras xornadas e logo, do apoio das Administracións. Hai que ter en conta que o Ateneo Valle-Inclán é unha entidade sen ánimo de lucro, polo que, por si soa, é incapaz de afrontar os gastos que conleva a organización dunha actividade deste tipo. O obxectivo é repetir.