E ocorreu

La Voz

BARBANZA

29 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Non sei ben o que sinto pero estou segura do que quero, ¡quéroa a ela e a máis ninguén!

Comezaba un novo curso, novos compañeiros, novos profesores, novas experiencias? estaba disposta a pasar o mellor ano de toda a miña vida pero nunca me imaxinei que me namoraría dela, que me faría sentir a muller máis feliz do mundo ó seu carón. Nin eu mesma cría que a miña condición sexual cambiaría, pero... ¡se a min me gustaban os homes! Non sei nin como ocorreu e moito menos cando. Só sei que me encanta estar con ela, o seu sorriso, os seus beizos, esas meixelas que se lle viran encarnadas cando comeza a poñerse nerviosa? Todo iso e mil cousas máis fan que non deixe de pensar nela nin un só segundo, pero non llo podo revelar a ninguén, este é o meu segredo.

Estou case segura de que todo o mundo me tomaría por unha tola, que as miñas amigas non me aceptarían polo que son, e meus pais, ¡iso si que non mo perdoarían na vida! Se un día lle chego a miña nai e lle digo:

-Ola mamá, téñoche que dicir unha cousa, son lesbiana.

Eu creo que daquela matábame ou algo así. E ela, ¿sospeitaría algo? ¿Sentiría o mesmo ca min? Creo que estou empezando a tolear, pero ¿que digo? Xa estou outra vez no meu mundo de imaxinacións? ¿Como me podería pasar pola cabeza algo así?

Era 17 de decembro e xa estabamos a piques de dar vacacións no instituto, ¡non a volvería ver ata despois do Nadal!

Eu non coñecía a Xulia de nada, mais algo nela fixo espertar en min un sentimento, unha curiosidade que me levaba a querer coñecer máis, pero nunca me atrevera a falarlle, nunca ata aquel día, claro. Nin eu mesma me recoñecía, pero sentía que tiña que facelo, quería facelo. Achegueime a ela e díxenlle:

-Ola, non creo que saibas nin o meu nome, pero só quería desexarche un bo Nadal.

Cando xa me dispoñía a marchar, comezaron a roldar pola miña cabeza milleiros de preguntas. Pero, ¿que acababa de facer? ¿Como se me puido ocorrer facer algo semellante? Estaba tola.

O día xa chegara á súa fin e xa me dispoñía a ir para casa cando escoitei unha voz que me dicía:

-Claro que sei como te chamas, como non ía sabelo.

Era Xulia, pero eu non entendía nada. Entón coñecíame, ¡sabía quen era! Nese intre fíxome sentir a muller máis feliz do mundo, pero non me quería facer ilusións, ademais non a ía ver en case un mes e nese tempo podería pasar de todo. E por outra banda, ¿eu que sabía cal era a súa condición sexual? Non coñecía nada da súa vida, mais ela invitábame a facelo cos seus xestos, o seu sorriso?

As vacacións fixéranseme eternas, non me daba chegado o momento de volvela ver. Cando entrei no instituto olleina como de costume e ela fixo o mesmo, ¡non mo podía crer! Nese intre algo pasou no meu interior, ¿serían as chamadas bolboretas no estómago (unha afirmación inútil que sempre me fixo moita graza)?

Non entendo nada, estou confusa, pero ela, ¿que quere de min? As únicas respostas a todas as miñas preguntas tíñaas ela, e a única solución era que falaramos. Pero non me atrevía. Ademais, eu xa lle fora falar unha vez.

Acabou o día de instituto e eu dirixíame cara á miña casa polo mesmo camiño que ía tódolos días. Nada parecía estraño, mais eu tiña un mal presentimento, sentía que algo malo ía ocorrer.

Á mañá seguinte, o espertador soou coma tódolos días, pero eu non durmira ben, porque ese presentimento me seguía roendo os miolos?

Cando cheguei ao instituto, dixéronme que Xulia tivera un accidente, que a atropelara un coche. Saín ás carreiras para o hospital e entrei na súa habitación. Ela non se sorprendeu da miña visita, pola contra díxome:

-Non te esperaba ata máis tarde.

A min sorprendeume ese comentario pero eu non dixen nada e ela seguiu falando:

-Por fin intentas mostrar o mínimo de interese por min.

Eu non entendía nada, ata que acabou por dicirme que sempre estivera namorada de min e que nunca perdera esa esperanza.

Con esta historia só quero facerlle ver á xente que nunca todo está perdido, que nesta vida todo se pode dar e que sexas lesbiana, xudía ? non che quita o dereito de ser persoa e, ademais, espero poder axudar a abrir moitas mentes.

Gustaríame dedicarlle este relato a toda a xente que sempre me apoiou para que siga escribindo: A miña familia, a Rocío, a Javi, e a tod@s as persoas que pasaron nalgún momento pola miña vida.

YAIZA VICENTE BUCETA (Boiro, 1993) Estuda 1º de Bacharelato no IES Praia Barraña. Encántalle ler e escribir, escoitar a Melendi e estar cos seus amigos. Quere ser xornalista