Mensaxe de ida e volta

J. M. Sande

BARBANZA

Unha das botellas con notas artísticas que se lanzou ao mar nos encontros de xullo regresou á costa de Muros

22 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha das doce mensaxes lanzadas ao mar no marco da celebración en Muros do noveno encontro de embarcacións tradicionais volveu a terra. Poetas, artistas e xentes vinculadas ao mundo cultural galego participaron nesta xuntanza e, entre as actividades que desenvolveron na vila muradá na segunda semana do pasado mes de xullo, atopouse o lanzamento de botes con lemas de carácter artístico e creativo.

Unha destas mostras da cultura galega, integrada por un recipiente ideado e feito por Xoán Fernández que contiña no seu interior unha peza literaria da poetisa Ana Romaní, foi atopada esta semana por un afeccionado á pesca deportiva da parroquia de Tal na paraxe costeira do Cotriño.

O deportista Gil Martínez fixo chegar o achado aos directivos da comisión organizadora do encontro, Manuel García Sendón e Xaquín Martínez, dándolle información sobre o lugar, o día e as circunstancias nas que tivo lugar a aparición da mensaxe.

Contido do envase

O recipiente, con forma de melón e con unha cortiza nun extremo, contiña dous folios escritos en galego. Nun deles dábase conta da celebración do encontro de embarcacións, sinalando que a mensaxe se lanzara ao mar entre os paralelos 42 de latitude Norte e 9 de lonxitude Este, nun punto próximo ao litoral de Galicia, o 12 de xullo.

No outro folio aparecen os nomes do autor do envase e tamén unha composición poética, que co título Dun artefacto mariño que anda as illas da ría-lingua que fala, do seu océano , pertence a Ana Romaní. Todas as lendas que aparecen en estas dúas follas están escritas nas linguas galega e inglés, e, ademais dos datos destacados, pedíase a quen atopara esta mensaxe que a fixera chegar ao Concello de Muros.

Para os dirixentes do encontro de embarcacións tradicionais resulta sorprendente que a mensaxe volvera ao litoral muradán, xa que foi tirado ao mar desde unha embarcación na boca da ría, coa pretensión de que percorrera mundo. Ninguén sabe se volveu a Muros ou xa nunca chegou a saír das proximidades da localidade, aínda que neste último caso cabe preguntarse onde estivo un elemento flotante ao longo de seis meses, á deriva, sen que mariñeiros nin pescadores afeccionados desen con el.