Haití

José Rodríguez Cabeza

BARBANZA

Moitas das forzas da natureza funcionan conforme a leis que se escapan do control das persoas, por moito que os humanos nos esforcemos en ter todo baixo control, un desexo nada novo, xa que vén dende o primeiro libro bíblico da Xénese cando Deus dixo «Enchede a terra e dominádea» e, niso, sempre o home estivo ocupado e preocupado.

Na súa primeira lección do curso de filosofía positiva, Auguste Comte dixo: «O carácter fundamental da filosofía positiva consiste en considerar todos os fenómenos como suxeitos a leis naturais invariables, que unha vez descubertas e despois controladas o máis que sexa posible constitúe a finalidade dos nosos esforzos, un principio que chegou a ser familiar para todos aqueles que teñen un coñecemento algo profundo das ciencias da observación». Sen que sexan materia de fe, estas disquisicións filosóficas teñen moito de realidade, tendo en conta os danos do derradeiro vendaval nesta bisbarra.

Xa que, así e todo, coido que, analizando o terremoto de Haití, podemos dicir que somos moi afortunados e amósanos a gran fenda que hai entre ricos e pobres. Por exemplo, se na área metropolitana de Tokio, cunha poboación de máis de 30 millóns de persoas, se producira un seísmo da mesma forza 7 na escala de Richter, o peor que ocorrería sería unha aglomeración. No país caribeño, unha matanza.

Cando acontecen desastres deste tipo as persoas ateas ou agnósticas ármanse de razón para poñer en dúbida as verdades dos crentes ou mesmo esas dúbidas nos xorden a nós mesmos, por iso convén facer reflexións sereas, comezando por decatarnos de que vivimos nun planeta que forma parte dun universo no que hai escuros dilemas que nin o meu admirado Stephen Hawking, coa física matemática, puido explicar.

Ten razón Auguste Comte. Non podemos deter os ventos, pero si amainar as súas turradas. Tampouco as choivas torrenciais, pero si adiantarse ás súas nefastas consecuencias, xa que sabemos que se producen. Por iso cando ocorren este tipo de catástrofes deberiamos facer a pregunta que se facía Rousseau, ¿por que só o home é susceptible de converterse en imbécil?.