Homenaxe á muller rural

BARBANZA

A apertura dunha exposición deu pé na Pobra a que se enxalzara o labor que as féminas realizan nas aldeas

16 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Elas sempre están

é unha exposición de fotografías que ten como finalidade amosar a diversidade de traballos que desempeñan as mulleres do eido rural. A inauguración desta colección na casa de cultura Raquel Martínez Soler da Pobra, deu pé a que se rendera unha homenaxe ao colectivo feminino.

O rexedor local, Isaac Maceiras, foi o primeiro que tomou a palabra para destacar o papel que a muller rural xogou na historia de Galicia e que segue a desempeñar hoxe en día. Nesta liña, fixo fincapé no colectivo feminino de Barbanza, marcado en moitos casos polas profesións que os seus homes desempeñan lonxe do fogar, o que as obriga a redobrar esforzos e a asumir máis responsabilidades.

Na casa de cultura pobrense compareceu tamén a secretaria xeral de Igualdade, Marta González Vázquez. O seu departamento é precisamente o encargado de organizar esta exposición, que ao longo deste ano percorrerá máis de vinte localidades galegas.

Marta González referiuse ás mulleres coma os grandes piares da cultura galega e da economía familiar. Destacou o seu carácter emprendedor e a súa enorme contribución ao progreso de Galicia.

Quince imaxes

A mostra Elas sempre están é a particular homenaxe que Elisa Ginanni, unha artista italiana afincada desde hai cinco anos en Galicia, quere render á muller do eido rural. Trátase de quince fotografías que retratan a outras tantas féminas en distintos paisaxes e escenarios, como unha granxa de vacas, realizando labores do campo ou facendo a colada nun lavadoiro público.

De todas estas instantáneas, a secretaria xeral de Igualdade destacou unha na que se ve unha agricultora conducindo un tractor. Referiuse a esta imaxe como unha mostra da igualdade real entre homes e mulleres que xa é unha realidade desde hai moitos anos no eido rural.

Ademais destas quince fotos, a exposición complétase cunha poesía da galega Lucía Aldao, que pretende plasmar a realidade das mulleres do medio rural galego no século XXI.

No acto de inauguración da mostra tamén estiveron presentes os concelleiros Isabel González Barral, Encarna González e Andrés Millán. A colección de fotografías permanecerá na casa de cultura da Pobra ata fin de mes.