Solidariedade sobre patíns

BARBANZA

Andrés Villar pretende cubrir 2.700 quilómetros do Camiño de Santiago co fin de recadar diñeiro para diversos colectivos sociais

31 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O alpinista noiés Andrés Villar Murillo pretende realizar ao longo do vindeiro ano oito trazados diferentes do Camiño de Santiago sobre patíns. En total serán cerca de 2.700 quilómetros de percorrido. Pero a finalidade coa que pretende desenvolver a fazaña é máis que loable. Este experto en escalada, que acumula 26 anos de experiencia, busca un patrocinador que colabore no proxecto aportando unha cantidade por cada quilómetro cuberto. «A contía resultante destinaríase a diversos colectivos sociais, como a Cruz Vermella, ou a outras asociacións sen ánimo de lucro», comentou.

Andrés Villar recoñece que leva tempo preparando este reto: «Apetecíame facer esta proba dende hai tempo pero non foi posible, agora é o momento». E engadiu: «O obxectivo agora é buscar un patrocinador para levar a cabo esta actividade».

O escalador barbancés espera que o seu esforzo sexa recompensado en forma de apoio financeiro: «Levar a cabo esta iniciativa suporá un desgaste físico importante debido ás secuelas das lesións sufridas ao longo da miña vida deportiva; teño un ano por diante, pero a idea é facer todo o posible por completar todos os trazados».

Primeira etapa

Villar Murillo iniciará mañá a primeira etapa da súa fazaña solidaria, que leva o nome de Os camiños de Compostela. O deportista partirá dende a praza do Concello de Ribeira (10.00 horas) ata a catedral de Santiago, con 70 quilómetros de percorrido por cubrir.

A segunda fase constará de 1.250 quilómetros, que é a distancia que separa a cidade francesa de Tolouse da capital galega. A data para iniciar este trazado en patíns está fixada para o 30 de maio, e prolongarase por espazo de dez días. Despois virán os trazados que partirán de O Grove, Tui, A Ruta da Prata (dende o porto de A Canda), Jaca, A Fonsagrada e Ferrol. Unha vez finalizados todos os camiños, Andrés Villar collerá os patíns rumbo a Fisterra, en cuxo faro realizará a súa particular ofrenda ao apóstolo Santiago.

«Coa finalización de este proxecto percorrerei gran parte de Galicia, transitando polas catro capitais galegas, ademais de atravesar un centenar de municipios. É, sen dúbida, unha aposta complicada pero ilusionante e espero que satisfactoria», apuntou Villar

Por outra banda, o escalador noiés estase a preparar para subir ao monte mais elevado de América, o Aconcagua, un cume de 6.962 metros de altura. Andrés Villar baralla dúas datas para afrontar o proxecto: a finais de 2010 ou do 2011.