Pai e fillo dirixen un estudo de fotografía en Boiro que desde hai uns anos tamén crea e distribúe equipos informáticos para os profesionais do sector
27 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Na actualidade, Juan García e o seu fillo Miguel comparten as tarefas de xerencia do estudo García e Hijos Fotógrafos, en Boiro. Trátase dun negocio especializado en vodas e todo tipo de actos sociais, que se subiu hai anos ao carro das novas tecnoloxía e só emprega sistemas dixitais. Pero o fundador desta sociedade tamén viviu aquela época na que era preciso pasarse boa parte do día pechado nun laboratorio para darlle forma ás instantáneas.
Corría o ano 1975 cando Juan García decidiu montar o seu primeiro negocio, despois de cursar estudos de fotografía en Madrid. El era veciño de Castiñeiras, pero decantouse pola localidade de Aguiño para poñer en práctica a súa idea empresarial. Foi así como abriu as súas portas Foto J. García.
Por aquel entón, García dedicábase fundamentalmente á realización de vodas, retratos para carné e todo tipo de fotos de estudo. El lembra que naquela época, a profesión era bastante máis dura que agora: «Houbo avances moi importantes que facilitaron a nosa tarefa. Antes non saiamos do laboratorio, pero agora nin sequera hai que recorrer á escuridade para revelar as fotos».
Despois de estar case dúas décadas desenvolvendo a súa actividade en Aguiño, García empezou a decatarse de que esta localidade se lle quedaba pequena: «O traballo empezou a escasear e decidín trasladarme a Boiro, unha vila que estaba en plena expansión e na que vin que podía haber máis oportunidades de negocio».
Incorporación
Así, en marzo de 1983, García abre o seu estudo na vila boirense. Pese ao cambio de emprazamento, o seu obxectivo seguía a centrarse, fundamentalmente, en actos e celebracións de carácter social. Foi neste tipo de traballos onde Juan foi involucrando ao seu fillo maior, Miguel, no negocio: «O certo é que se meteu neste mundiño porque eu o empuxei. Eu formeino, aínda que tamén aprendeu da súa propia experiencia».
Xuntos, pai e fillo transforman o negocio nunha sociedade, Magic Boiro, que pasa a ter como nome comercial García e Hijos Fotógrafos. A experiencia de Juan e o espírito emprendedor de Miguel fan que se involucren nunha nova liña de negocio: a creación e a distribución de soportes informáticos dirixidos aos profesionais do sector.
E o certo é que non lles foi nada mal nesta nova aventura empresarial: «A día de hoxe temos unha carteira de máis de catro mil clientes repartidos por toda España, que traballan cos nosos programas de tratamento dixital. En Andalucía servimos a practicamente o cen por cento do sector e incluso en Cataluña, unha comunidade na que esperabamos ter dificultades para introducirnos, estamos tendo gran aceptación».
Pai e fillo sosteñen que traballar xuntos non lles supón ningún tipo de problema: «Non hai xefe nin empregado, o que eu faga están ben feito e o que faga Miguel, igual. Os dous achegamos opinións para que a cousa funcione», asegura Juan.
De feito, o cabeza de familia está incluso tratando de encandilar ao seu fillo menor para que tamén se sume ao negocio: «Estouno levando a algunha que outra voda para que me axude. A min gustaríame que tamén seguira os meus pasos e que o estudo que fundei continuara».