Xogos de cooperativismo

BARBANZA

Escolares de Boiro participaron nuns obradoiros nos que aprenderon, de forma amena, a traballar en equipo

04 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Alumnos de sexto curso de primaria dos seis colexios do municipio boirense participaron nunha serie de obradoiros promovidos polo Concello coa axuda da Administración autonómica cos que se pretendía que os rapaces se foran familiarizando co cooperativismo. Para conseguilo, os encargados de impartir estes talleres, a Federación de Cooperativas de Galicia Sinerxia, empregaron xogos e métodos especialmente pensados para o público infantil cos que, polo menos, conseguiron captar a súa atención.

Mediante xogos de equipo e debates, os monitores que traballaron cos cativos boirenses tentaron facerlles ver o complicado que pode resultar chegar a un acordo, pero que non é imposible e trataron que asimilasen un termo ás veces demasiado complexo para nenos desa idade: o cooperativismo. «Non se trata de que saiban a definición de cooperativa, só de que se familiaricen coa palabra e saiban que hai outra forma de traballar, que hai empresas distintas ás que coñecen habitualmente», explicaba unha das monitoras que estivo en Boiro.

Outra das ferramentas que se empregaron nestes obradoiros, foron unhas revistas en formato cómic.

Boa resposta

Segundo comentaban desde Sinerxia, a metodoloxía seguida parece que resultou efectiva e a resposta dos escolares foi «moi boa».

As actividades desenvolvidas permitiron aos cativos boirenses participar nos obradoiros dun xeito moi activo. A isto contribuíu, en boa medida, que os talleres fosen de pouco máis dunha hora de duración: «O horario foi beneficioso porque, por un lado, non interferimos demasiado no desenvolvemento das clases, e por outro, conseguiuse manter a atención dos nenos e evitouse que se tomasen as actividades coma unha asignatura máis en vez dun xogo».

Segundo explican desde a federación, lograr fomentar o espírito de cooperativismo entre os rapaces é moi importante, «especialmente a unha idade na que seguen coa idea de que o meu é meu, e o teu é meu tamén».

Visto o visto, parece que todos, dende os encargados dos obradoiros ata os responsables dos centros e os propios escolares, quedaron satisfeitos coa iniciativa. Por esa razón, en Sinerxía confían en repetir experiencia en Boiro: «A xente quedou moi contenta».