Rodaxe pasada por auga

BARBANZA

O mal tempo obrigou ao equipo que grava a curta «Empatía» a reducir a súa estancia na comarca

03 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Converter o monte da Curota nun deserto pode parecer cousa de milagre, e máis se o intento se leva a cabo nun día chuvioso. Sen embargo, cun gran equipo e a tecnoloxía precisa, o milagre convértese en realidade, e os incrédulos están convidados á estrea do último traballo do director Carlos Seijo, producido por Mr Misto Films, para velo cos seus propios ollos. A gravación da curtametraxe trasladouse na fin de semana á Curota e ao areal sonense de Río Sieira.

A película, titulada Empatía , é un proxecto experimental gravado integramente cunha cámara de fotos. A posprodución será fundamental para conseguir transformar os paisaxes barbanceses no árido deserto estadounidense no que se desenvolve a acción. En canto ao contido, este traballo pretende ser unha reflexión sobre a culpa da man duns personaxes que se enfrontan ao drama de non ter resolto un erro do pasado que está a repercutir no presente.

Néboa

O traballo para o equipo que se encarga de sacar adiante Empatía non foi nada sinxelo ao seu paso pola comarca, xa que tiveron que facer fronte á choiva, o frío e a néboa que se instalaron en Barbanza toda a fin de semana.

Isto obrigou a un cambio de plans e, aínda que estaba previsto que foran tres as xornadas de rodaxe na zona, finalmente foron só dous. Pero, paradoxicamente, a néboa que cubriu por completo o monte de A Curota axudou en boa medida a ambientar as escenas e evitou que fose preciso recorrer aos efectos especiais para facer desaparecer o horizonte.

Concluída a rodaxe comezará o traballo de posprodución, que permitirá rematar as escenas e dar a lugares do corazón de Galicia coma o monte da Curota o aspecto dun deserto. Para logralo, explotaranse ao máximo as posibilidades da creación dixital, recreando espazos en tres dimensións e coa técnica de matte painting .

Equipo humano

Unhas vinte persoas son as que forman o equipo capitaneado polo coruñés Carlos Seijo e que durante a pasada fin de semana traballaron arreo nas localizacións do filme na comarca.

Entre todos eles, estaban tamén os actores que dan vida aos protagonistas da cinta. Encabeza o reparto Xoque Carbajal, xunto a Paulo Alexandre, Lucía Regueiro e Alejandro Guanella.