Agosto pasado por auga

C. Alfaya

BARBANZA

A piscina de Rianxo ofrece este mes unha gran variedade de actividades gratuítas para os usuarios

01 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O verán é a época do ano na que a pereza pode máis que a constancia á hora de facer deporte. Na piscina municipal de Rianxo, xestionada por Serviocio, son conscientes desta circunstancia. Co propósito de achegar aos usuarios as instalacións e animar aos habituais a que sigan coa súa rutina tamén nos meses estivais, a dirección da piscina propón que no mes de agosto se varíe a oferta de actividades.

Os adultos aboados serán os máis afortunados, xa que tanto as actividades que se realicen en sala como na piscina, serán gratuítas durante todo o mes de agosto. Así, os que se animen a continuar, poderán practicar aeróbic, tonificación, gap ou mantemento. «Algunhas das actividades son as mesmas que se fan ao longo do curso, a diferenza é que durante este mes iranse combinando para facelas máis dinámicas», afirma Gerardo Calvo, director das instalacións.

En canto á piscina, poñeranse en práctica actividades con soporte musical como o acquagym. «O propósito é que a xente se divirta facendo deporte». Ademais, se a iniciativa ten éxito, desenvolverase tamén ao longo do curso, segundo constatou Calvo.

Os máis pequenos tamén teñen o seu espazo. Aínda que os exercicios destinados a eles non son gratuítos, dende as instalacións queren potenciar que tamén os cativos comecen a collerlle o gusto ao deporte, sobre todo, na auga.

Así, para eles haberá cursos intensivos, tanto de iniciación como de profundización ata o día 15. Todos os que queiran participar poden inscribirse na recepción da, na que haberá unha persoa encargada de ofrecer toda a información necesaria aos usuarios da piscina.

Descontos

Para os non aboados pero que queiran practicar deporte neste mes, a piscina ofrece un desconto do 50% na inscrición sobre o prezo habitual.

Os novos usuarios poderán participar nas actividades de piscina e tamén das de relax, nas que contan con sauna, baño de vapor e bañeira de hidromasaxes. Ademais, tamén terán a posibilidade de asistir ás actividades gratuítas que se fagan en sala.

«Esperamos ter boa acollida porque no mes de xullo tiñamos unha programación parecida a do curso e viña moita xente», afirma Calvo.