O libro editado con motivo das celebracións do verán recréase no patrimonio e paisaxes de Ribeira
18 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Unha representación da comisión de festas de Ribeira presentou onte o libro das celebracións deste verán. É o segundo ano que a publicación se encaderna con pastas duras e papel satinado, feito que responde a un fin moi claro: «Cremos que o volume debe estar nos estantes dos ribeirenses e tamén dos que, aínda que non sexan de aquí, sintan o mesmo amor ca nós por este lugar», declarou Unai González, Responsable de Relacións Institucionais. O documento ten 77 páxinas, a metade delas dedicadas a resumir a historia, patrimonio material e inmaterial e etnografía do municipio de Ribeira.
O libro distribuirase primeiro entre os anunciantes, tendas e empresas que colaboraron coas festas. Os particulares que estean interesados en conseguir un poderán facelo de luns a venres no auditorio municipal. Así, dende o día 20 ao 31 e entre as 17.00 e as 20.00 horas haberá membros da comisión que cambiarán os recibos que acrediten que se colaborou nos festexos ou as achegas de última hora por un exemplar.
Ademais, editáronse 10.000 programas coas actividades dos festexos, que se repartirán de maneira gratuíta, e 300 carteis promocionais.
Catro partes
Unai González, o autor dos textos, explicou que o contido do libro está estruturado en catro partes. A primeira delas resume a historia de Ribeira desde as súas orixes prehistóricas ata a actualidade, facendo fincapé no centenario da concesión do título de cidade a Santa Uxía por parte de Alfonso XIII. Como base para realizar este resumo tomáronse traballos de historiadores coma Emilio Rodríguez López ou Carlos García Bayón.
A segunda está dedicada á difusión da natureza como principal atractivo turístico, tanto polas praias como polas paisaxes e parques naturais que ten o municipio.
O terceiro bloque ten como protagonista á cultura popular, pois recolle seis lendas da comarca que foron pasando de xeración en xeración de forma oral, coma a do Home de Sagres ou a da Serea de Sálvora.
Por último, unha relación dos oficios máis comúns no pasado, centrándose tamén no papel das mulleres, compón a parte etnográfica.
As imaxes antigas que ilustran as páxinas proceden tanto de arquivos documentais coma de particulares que as prestaron desinteresadamente.