Todo listo para a Dorna

BARBANZA

O cartel das festas está practicamente pechado, cos singulares xogos e cunha ducia de grupos musicais.

15 jul 2009 . Actualizado a las 10:58 h.

A falla de tres semanas para que arranquen as festas máis orixinais de Barbanza, xa está todo practicamente listo para que se desenvolva unha nova singradura da Dorna, a número 61. Na asemblea de peñas do pasado fin de semana elaborouse o calendario dos singulares xogos que compoñen o programa e adxudicouse a súa organización. Tamén está a piques de pecharse o cartel da ducia de grupos musicais que amenizarán as celebracións.

As actividades comezarán o 17 co percorrido do facho e o guateque, que terá lugar en Coroso. Ao día seguinte serán os xogos de mar e a canción de tasca, mentres que o 19 terá lugar a baixada de carrilanas e a proxección de vídeos.

Despois dun parón de dous días, a festa volverá o 22 cun festival de rock de bandas locais, para o que xa está confirmada a participación de seis grupos. A música tamén xogará un papel fundamental o 23, coa actuación dos coruñeses Chetokoeu e dos ribeirenses Recambios Tucho. Ademais, nesta xornada terá lugar o voo sen motor. Para o último día, o 24, está previsto un novo concerto.

Reunión ao aire libre

Os responsables da confraría da Dorna, que se viu obrigada a celebrara a xuntanza de peñas ao aire libre xa que ninguén do Concello lle abriu a porta do conservatorio, destacaron a elevada participación: «Acudiu moita xente e, o que é máis importante, con gañas de colaborar», sinalou Fran Martínez, o presidente.

No transcurso da xuntanza anunciouse a posta á venta das sudadeiras conmemorativas desta edición das festas, que a partir de mañá poden adquirirse ao prezo de trece euros (prégase levar a conta xusta) na tenda Podium Sport, na rúa Nove de Agosto.

A preparación desta nova edición da Dorna non é a única iniciativa que mantén atarefados aos membros da confraría, xa que o obxectivo é que a apertura do local social da entidade, que está na rúa Castelao, teña lugar antes de quince días. Son unhas instalacións con dous almacéns, un para a escola de vela e outro para todo o material relacionado coas festas, mais unha estancia para arquivo.

Ademais, a confraría participará no encontro de embarcacións tradicionais que terá lugar dentro de quince días en Muros. Todos os que desexen sumarse á ruta, poden inscribirse.