Nunca é tarde para aprender

BARBANZA

Os alumnos da escola de adultos de Boiro recibiron os seus diplomas antes de iniciar as vacacións de verán

23 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Máis de corenta boirenses con idades comprendidas entre os 55 e os 90 anos levan demostrando durante os últimos nove meses que non hai idade para aprender. Dende outubro asistiron ás clases da Aula de Educación de Adultos do Concello, ás que se puxo o peche coa entrega de diplomas aos alumnos.

Veciños das parroquias de Boiro, Cures, Macenda, Bealo e Abanqueiro voltaron ás aulas nun curso no que ademais das clases, os estudantes participaron nun obradoiro de fotografía. Para moitos, foi o seu primeiro contacto cunha cámara dixital e con este taller aprenderon o seu manexo e como baixar as imaxes a un ordenador, ademais de editalas e incluso envialas por correo electrónico e tamén escanear fotos en papel.

Os froitos de todo este traballo faranse visibles na Mostra das Culturas que se celebrará no parque de A Cachada con motivo das festas de Boiro. O día 4 de xullo, as fotos que o colectivo Olláparo exporá ao aire libre serán as que se seleccionaron durante este obradoiro de entre todas as que levaron os alumnos, e estes recibirán tamén un cedé con todas as imaxes que tomaron durante as súas saídas para poñer en práctica os coñecementos fotográficos adquiridos.

Outra das disciplinas nas que se introduciron os asistentes á Aula de Educación de Adultos é a informática, aínda que neste caso o acceso a esta materia estivo limitado aos alumnos das parroquias de Boiro, Cures e Macenda, mentres que nas demais está previsto implantala o vindeiro curso.

Lorena Romero, coordinadora da aula, destacaba trala entrega de diplomas aos participantes as ganas e a entrega que estas persoas poñen nas actividades: «Abandonan todo o que teñen que facer para ir ás clases».

Sétimo número

O acto de clausura do curso para os maiores tivo outra protagonista: a revista que cada ano edita a Aula de Educación de Adultos, na que se recolle o traballo dos participantes.

Aproveitando os Días

é o título dunha publicación que xa vai polo sétimo número e que pretende recuperar a tradición oral boirense a través dos contos, poemas, cantares, historias, lendas e supersticións contadas polos estudantes. Un exercicio que permite aos profesores «ver, a través da redacción dos textos, como van evolucionando os alumnos».