As audioguías turísticas da localidade propoñen unha viaxe a través da música, pero a gravación vai máis alá e permite coñecer a vila sen necesidade de abrir os ollos
14 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.«As súas voces calaron, como calaron as pescas na Ribeira e van calando os mariñeiros nas tabernas, como cala a xente na misa. Pero achegádevos á auga e escoitade, escoitade as ondiñas que veñen e van». Esta cita pon o punto e final a un percorrido de preto de hora e media pola vila de Rianxo guiado por un aparello de MP3. Unha iniciativa turística do Concello que ofrece unha visita á vila a través da música, pero que logra algo moito mellor: que o visitante poida coñecer a localidade sen vela sequera. Os sons que evoca a gravación son suficientes para que calquera poida facerse unha idea de como é Rianxo.
É un pobo mariñeiro, e polo tanto o mar é un elemento omnipresente no percorrido que propón a audioguía. Non é en balde o feito de que a visita comece e remate á beira das augas da ría, e a narración, que pode ser en galego, castelán ou inglés, segundo as preferencias do usuario, convida ao viandante a sumerxirse na historia da vila entre o característico son das ondas. Escoitando a gravación un esquécese do barullo no que está inmersa a vila un día calquera e descobre a riqueza arqueolóxica do municipio coas vistas do Castro Barbudo dende o paseo marítimo, a historia do Castelo da Lúa, lendas sobre sereas, as orixes da devoción pola Guadalupe ou como chegou a primeira versión de A Rianxeira á vila.
O eixo central da narración é a vinculación da localidade coa música, e por iso, entre explicación e explicación sobre artistas rianxeiros coma Paio Gomes Charinho, Arcos Moldes, Manuel Antonio, Castelao, Dieste ou o mestre Chapí, vanse intercalando pezas que fan máis ameno o percorrido. Algúns escoitarán por primeira vez a primeira versión da famosa Rianxeira , que se titulou Ondiñas da nosa ría , ou recoñecerán a muiñeira A Camposa , obra de Os Rosales, o emocionaranse escoitando a Lela de Castelao.
Pero son as referencias á historia popular da vila, a que non recollen os libros, o aspecto máis interesante para coñecer a idiosincrasia dos rianxeiros. Supersticións, lendas e costumes dos veciños de Rianxo dende a idade media ata o século XX, con alusións ás casas do remo ou ás competicións de dornas xeiteiras, dan idea de como é un pobo no que o mar sempre está presente. «Porque o mar non cala, non calará nunca».