La Gama, campión en Ardora

Alberto Hevia

BARBANZA

O grupo pontevedrés gañou o Musicódromo, festival no que os ribeirenses de Inllorfeis quedaron segundos

06 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A terceira edición do Musicódromo, o concurso promovido pola sala Ardora de Porto do Son, chegou ao seu fin co reconto de votos e a entrega de galardóns. O grupo pontevedrés La gama resultou gañador do festival, mentres que os ribeirenses de Inllorfeis lograron facerse co segundo posto.

Pero o sangue de Barbanza tamén corre polas veas de algún dos membros da banda gañadora do certame. Liderado polo cantante e guitarrista vilagarcián Pablo Somoza, o grupo La Gama conta co saxo Eddy Ponce, o teclista Andrés Moreira, o baixo Jorge Martínez e o batería ribeirense David Sampedro. Case todos eles forman parte ao longo de verán de diversas orquestras coas que percorren un sinfín de localidades de toda a comunidade galega.

Actuar no Musicódromo e gañalo serviulles para facerse cunha suma de diñeiro en metálico, concretamente 1.500 euros, pero tamén para darse a coñecer, xa que o festival promovido pola hostaleira Annie Deschepper ten cada vez máis relevancia e rexistra unha importante afluencia de público.

Máis de vinte bandas

De feito, nesta terceira edición do concurso, a propietaria da sala Ardora, unha cidadá belga namorada das terras barbancesas, fixo desfilar polo seu local a un total de 22 conxuntos musicais procedentes de toda a xeografía galega. O seu obxectivo prioritario é darlle un pulo ao novos valores da música que tratan de abrirse camiño nun complicado mundo.

Parte das bandas que competiron no Musicódromo están integradas por mozos de Barbanza. De feito, para os corrubedanos de Inllorfeis foi o segundo premio do certame, dotado con 600 euros. Xunto ao cantante Abdón Santos, integran esta formación o guitarrista Jorge Fernández e o batería Manuel Blanco.

Os tres se achegaron hai uns días á sala Ardora para recoller o galardón, feito que aproveitaron para ofrecer un aplaudido concerto que, a petición do público, se prolongou varias horas. Está prevista tamén unha actuación de La Gama, aínda que de momento non hai data fixada.

Xunto a estes dous grupos, completaron a clasificación do Musicódromo El E. Continuo, Anger Second, U3, O. J. Deeres, Nostatic, Al Vila, Belfast, Gramolo, Snacht, Kung Fuzz, Dandis Acústicos e Pito Picasso.