Uns trescentos escolares de Ribeira escenificarán once montaxes na décimo segunda mostra de teatro infantil
21 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.As artes escénicas cobrarán protagonismo a semana que ven en Ribeira, co desenvolvemento da décimo segunda edición da Mostra Infantil de Teatro. Está previsto que uns trescentos escolares participen nas once montaxes que se inclúen no ciclo, ben actuando encima do escenario no auditorio ou ben confeccionando os decorados. Na organización deste festival colaboran co Concello os colexios, as Anpas, a asociación Alfaia e o Grupo Municipal Infantil de Teatro.
A implicación dos nenos nesta actividade convértea nunha das máis destacadas de todas as promovidas pola Concellería de Cultura. Así o destacou onte o titular deste departamento, Luciano Fernández, quen presentou a mostra en compañía do técnico Segundo Durán, director do ciclo.
A mostra desenvolverase entre o luns e o sábado da vindeira semana no auditorio municipal. Está previsto que as funcións comecen ás oito da tarde, sendo a entrada libre e gratuíta para todos os veciños. Para cada día están programadas dúas representacións, excepto para o sábado, xornada na que haberá unha soa función, que se completará co acto de entrega de diplomas e agasallos a todos os participantes no festival. Programa
Así, o luns subiranse ao escenario os grupos da Anpa do colexio de Palmeira e os alumnos da Milagrosa, coas obras Solo hay un camino e Blancanieves . O martes, os nenos do Bayón e os do Galaxia representarán Titiritesa e O xardín da avoa margarida ; mentres que ao día seguinte serán as compañías da Anpa da Milagrosa e da escola de Aguiño as protagonistas, con A mí me lo contaron e A bela durminte .
O grupo da Anpa do Bayón presentará o xoves Piratas del Caribe e os nenos do Grupo tomarán o escenario con O circo barato . O venres, serán a Anpa do Galaxia e Alfaia as que representen ¿Cal delas é unha princesa? e La verdadera historia de Caperucita Roja . Pechará esta edición da mostra o Grupo Municipal Infantil de Teatro, que dirixe Segundo Durán, coa peza Madre mía .
Luciano Fernández aproveitou o acto de presentación do festival para agradecer o esforzo de pais, profesores e directores dos centros educativos, ao tempo que destacou a implicación da asociación Alfaia, á que felicitou por atreverse a participar por vez primeira na mostra cunha obra.