Cincocentos escolares visitarán o parque ribeirense e recibirán unha guía coas árbores que están catalogadas
19 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A segunda fase do proxecto A túa pegada en San Roque , que comezou coa montaxe dunha exposición permanente sobre os recursos arqueolóxicos de Ribeira, terá continuidade cun programa de carácter ambiental do que se beneficiarán uns cincocentos escolares do municipio. Os mozos, estudantes de sexto de primaria en once centros ribeirenses, visitarán o parque e recibirán unha guía coas árbores que están catalogadas.
Esta segunda fase do programa, coa que se pretende poñer en valor os recursos ambientais do parque, foi presentada onte polos concelleiros de Turismo e Educación, Vicente García e Juana Ermitas Crugeiras, que visitaron o centro de interpretación xunto con dous técnicos municipais, Sandra Fernández e Mario Vidal.
Aínda que nun principio serán alumnos de Ribeira os que percorran o parque periurbano, a iniciativa está aberta a outros centros educativos de Galicia. De feito, foron moitos os estudantes, sobre todo de Pontevedra e Vigo, que xa visitaron a exposición patrimonial coa que se puxo en marcha o proxecto A túa pegada en San Roque .
Comezo este mes
Juana Ermitas Crugeiras destacou que a nova fase do plan se poñerá en marcha a finais de mes, unha vez se planifiquen as visitas dos diferentes centros educativos. Todos os alumnos que participen na experiencia recibirán unha guía confeccionada polo Concello, na que se facilita información sobre as distintas especies arbóreas existentes no parque de San Roque.
Esta publicación pretende achegar aos cidadáns a natureza dende un enfoque sinxelo e accesible a todas as idades, destacando datos curiosos sobre as diferentes especies, de xeito que os veciños poidan logo recoñecelas facendo uso dos sentidos da vista, o tacto e o olfato.
O programa de actividades levarase a cabo en horario de mañá e constará dunha breve introdución para explicar o contido da xornada, unha visita á exposición arqueolóxica que está de forma permanente no centro de interpretación, un proceso de identificación e catalogación das árbores por períodos históricos e unha realización de obradoiros no invernadoiro do parque. Un gran xogo e unha avaliación do proxecto porán fin ás excursións dos estudantes ribeirenses.