José Antonio Ventoso Mariño (Ribeira, 1954) é unha desas persoas á que non lle gusta pasar pola vida de incógnito, polo que desenvolve con paixón todo o que fai. Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago, exerce de profesor de Historia Contemporánea no instituto de Coroso. Foi alcalde de Ribeira entre 1983 e 1987, e deputado galego polo PSOE desde 1989 ao 1997. Ten unha ampla produción literaria que non para de medrar.
No ano 1976 publicou Postura oficial da xerarquía galega 1923-1926 , unha recompilación dos boletíns dos bispos das dioceses galegas nesa etapa. Froito do seu paso polo Parlamento de Galicia saíu a obra Galicia en terra allea , que viu a luz en 1996, da que hoxe di: «É un ensaio sobre o futuro da esquerda en Galicia nos 90 e o que vía vir. Penso que hoxe vale a pena lelo, porque non me equivoquei moito».
A influencia do mar na escrita de Ventoso reflíctese na novela A pesca está no vento. Historia de Nico (2001), quizais a obra máis encomiada pola crítica e os lectores. Neste mesmo ambiente inclúese o ensaio As xentes da ría , ilustrado con fotos de Carmela Queijeiro, unha análise antropolóxica que saíu do prelo no 2002, o mesmo ano no que publica Os señores do mar , centrada no traballo dos mariñeiros e os pescadores de miñoca. Ao ano seguinte presenta As sombras dos mortos , un recompilatorio de naufraxios nas rías de Arousa e Muros-Noia.
Con Peregrinos en tierras de magia ten no 2004 unha incursión na literatura infantil, acompañado por ilustracións do seu amigo pintor Xoán Fernández. Dende entón, dedícase practicamente en exclusiva á dirección da escola e fai do instituto Coroso centro pioneiro polo seu método de ensino. Ata o 2008 non volve publicar. En Huyen mis sueños. Diario de un lisiado , conta Ventoso as vivencias dun home «cunha ideoloxía en crise», e coincide coa súa inmobilización a causa da rotura dunha perna que agrava as limitacións que desde pequeno lle provocou a polio. A escola das historias saíu do prelo hai uns días, pero co título Historias das historias da escola .
Ten preparados outros dous volumes, un libro moi complexo sobre os anxos e os demos, e outro dun contrabandista.