As comparsas e murgas que desfilen pola cidade repartiranse este entroido un total de cinco mil euros
07 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.As festas de entroido están á volta da esquina e o Concello de Ribeira xa ten case todo listo para que os veciños gocen ao máximo das celebracións pagás por excelencia. O máis destacado do programa deseñado polo departamento de Cultura é, un ano máis, o concurso de murgas e comparsas. Nesta ocasión, as que destaquen pola súa orixinalidade repartiranse un total de cinco mil euros en gratificacións.
Este festival abrirá o día 22 o entroido ribeirense. Será ás seis da tarde cando as murgas e as comparsas, encabezadas polas charangas Trompo das Nicras e Terra Chá, inicien o desfile polas rúas da cidade, para poñer en escena despois as súas montaxes no palco que se instalará na praza do Concello. En caso de chuvia, as actuacións terán lugar no auditorio municipal.
O concelleiro de Cultura, Luciano Fernández, e o técnico Segundo Durán explicaron onte as bases establecidas para participar neste concurso, para o que se establecen dúas categorías: unha para os veciños de ata 15 anos e outra para os maiores de 16. Ademais, as murgas deberán ter un mínimo de quince compoñentes, mentres que as comparsas máis pequenas poderán ser de doce membros. Os interesados en participar teñen de prazo ata o venres para inscribirse no auditorio municipal.
O certo é que os premios establecidos ben merecen botar a andar o maxín para atopar unha idea creativa e orixinal, xa que as murgas recibirán un máximo de 350 euros e as comparsas, 240.
Movida en Bandaorrío
As actividades continuarán a noite do luns coa festa que se montará na zona de Bandaorrío, dirixida ao público adulto. Como en anos anteriores, instalarase unha carpa na que, a partir da medianoite, haberá música, luces e animación. A charanga Os da Caña de Marín propagará o ambiente festivo polo resto da cidade
O martes será o día grande para os máis pequenos da casa. Na carpa a instalar en Bandaorrío montarase un festival infantil con obradoiros diversos e con diplomas para os mellores disfraces.
O enterro do Felipe porá o día 25 o punto e final a esta edición do entroido ribeirense. A saída da comitiva fúnebre está fixada para as 19.30 horas e todos os que desexen participar terán que darse cita no auditorio municipal. Dende alí, os asistentes trasladaranse á praza dos Mariñeiros, onde se oficiará o funeral e se levará a cabo a incineración dos restos mortais do Felipe.
Unha merenda, na carpa que estará instalada no lugar, servirá para recobrar forzas despois de tantos choros. Orellas, rosquillas e filloas serán algúns dos produtos que poderán degustarse.
Luciano Fernández animou a todos os ribeirenses a participar activamente nas actividades programadas e, sobre todo, a divertirse coa festa.