As fotografías do muradán Manuel Mayán, «Chinote» estarán expostas en Lousame ata finais de febreiro
29 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Coa mesma ilusión que os grandes xenios, pero de maneira moito más modesta en canto a luxos na presentación, o mestre muradán da imaxe fixa, Manuel Mayán, Chinote, inaugurou o pasado martes na casa de cultura lousamiá unha exposición na que deixa constancia da ampla variedade de eidos nos que se move.
Pero esta é unha pequena mostra, posto que a súa colección abrangue moitos anos de traballo e, polo tanto, centos de fotografías; non é unha exposición calquera, senón que é a primeira de todas, e quizais por iso, a máis importante.
En ocasións coma esta, os nervios sempre están a flor de pel, ao igual que as inquedanzas ante as reaccións da xente. «Esta é a miña primeira exposición e realizouse grazas á insistencia da miña muller, que se puxo en contacto co Concello para facela posible», aseverou Mayán, un tanto nervioso, ante a atenta mirada da súa esposa e da súa filla.
Difícil selección
E que dicir ten que unha das cousas que máis lle custou ao fotógrafo foi escoller as imaxes que ía incluír na súa mostra inaugural. Segundo contou, o problema estaba en que os gustos das persoas son moi diferentes, e cada un aconsella á súa maneira.
«O máis difícil de todo isto é facer unha selección, posto que a cada persoa gústalle unha cousa diferente. Uns dicíanme que levara esta, outros aquela... E ao final aquí hai un pouco de todo, dende paisaxes ata postas de sol. E iso que a min as postas de sol non me gustan moito», relata antes de aclarar que nunha destas espectaculares imaxes relativas ao solpor sae de costas a súa filla camiñando polas dunas de Corrubedo.
Quizais chegados a este punto, e antes de invitar a todos os amantes da fotografía a pasar pola sala, sexa hora de salientar que entre as imaxes hai paisaxes pertencentes ao concello de Lousame, dalgún dos centos de pequenos pobos que se atopan espallados por Galicia, ratos dentro de cuncas e incluso perfectos planos curtos de flores e plantas. Tamén deixou este home espazo para as rúas compostelás ou para a feira medieval que cada verán se celebra na vila de Noia.
Aqueles que desexen mergullarse por uns intres no mundo da fotografía poden achegarse, ata o 27 de febreiro, á Casa da Cultura de Lousame de luns a venres de 8.30 a 14.30 horas.