Martín e Carlos, membros de Machina, impartiron obradoiros de «hip hop» a mozos de Rianxo e Ribeira
28 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Quen dixo que as clases eran monótonas e aburridas? Nada máis lonxe da realidade. Isto foi o que pensaron onte os mozos dos institutos Coroso de Ribeira e Félix Muriel de Rianxo que viron como a súa xornada lectiva habitual era interrompida para recibir a dous convidados de excepción: Martín e Carlos. Os integrantes do grupo Machina impartiron sendos obradoiros de hip hop , demostrándolle aos estudantes que calquera pode rapear.
Esta singular clase comezou cunha breve explicación sobre a historia deste estilo musical que cada vez ten máis adeptos entre a mocidade. E iso que non se trata de algo novidoso, xa que como puideron saber onte os alumnos do Coroso e do Félix Muriel, este movemento artístico xurdiu na década dos sesenta nos Estados Unidos e comprende baile, pintura e beatbox . Esta última práctica consiste en emular coa boca sons de instrumentos de percusión propios da música rap.
Método sinxelo
Pero, como case sempre, a parte que máis lles gustou aos estudantes foi a práctica. Os integrantes de Machina, un grupo de hip hop emerxente no panorama musical galego e tamén no estatal, explicaron que o único secreto está en buscar palabras que rimen entre si e entrelazalas. A partir de aí, o obxectivo é canalizar a rabia e o descontento a través das letras, pero tamén destacar as vivencias positivas ou incluso facer unha declaración de amor.
Houbo algúns alumnos que incluso se animaron a facer pequenas composicións que logo rapearon ante os seus compañeiros coa axuda dos dous especialistas na materia. Quedou así cumprido o obxectivo dos promotores desta iniciativa, os equipos de normalización lingüística dos dous centros educativos, que non era outro que amosarlle aos mozos que tamén poden empregar o galego para darlle forma ao seu estilo musical preferido.
Os estudantes do Félix Muriel terán en breve unha nova clase práctica. Para o día 9 de febreiro está prevista a visita dos regueifeiros Pinto e Caruncho, cos que aprenderán unha nova forma de discutir mediante rimas.
No instituto rianxeiro tamén haberá o vindeiro mes un obradoiro de literatura, a cargo de Sechu Sende, e outro de banda deseñada. Deste último encargarase Quico da Silva.