Buzóns contra a timidez

BARBANZA

Cruz Vermella programará os próximos obradoiros en función das preguntas formuladas polos mozos boirenses

04 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Coñecer as inquietudes e dúbidas dos adolescentes boirenses para intentar darlles unha resposta é o obxectivo que persegue o colectivo de Cruz Vermella. E para logralo, vén de poñer en marcha unha iniciativa consistente na instalación dun buzón no centro social para recoller as preocupacións dos mozos.

Aínda que esta práctica está bastante estendida en outros ámbitos, coma nas bibliotecas, non é habitual que se utilice a modo de consultorio persoal. O buzón, no que os rapaces poderán facer preguntas sobre todo aquilo que lles preocupe dende o anonimato, ten un fin eminentemente práctico: o desenvolvemento de obradoiros para dar resposta ás súas inquietudes.

Segundo comentaron desde Cruz Vermella, un equipo multidisciplinar do colectivo, integrado, entre outros, por un psicólogo, un traballador social e un avogado, estudará e clasificará todas as mensaxes depositadas no buzón de suxestións.

Actividades

A partir deste punto, o equipo de Cruz Vermella deseñará un programa de actividades encamiñadas a dar resposta. Cada mes, levaranse a cabo obradoiros sobre unha temática determinada en función das necesidades dos mozos.

A primeira reunión para analizar o contido do buzón será este mesmo mes, e serviralle ao colectivo para sacar as primeiras conclusións, xa que, tal e como apuntaban dende Boiro, «é unha experiencia nova e non sabemos como vai saír». En todo caso, do que se trata é de que «a participación na iniciativa sexa algo que saia deles».

Ademais de colocar o buzón, Cruz Vermella de Boiro vén desenvolvendo cos adolescentes da localidade boirense unha serie de talleres de información sobre hábitos de vida saudables, tratando ao mesmo tempo a prevención de actitudes e condutas violentas.

Dentro destas actividades, leváronse a cabo dúas sesións de A tarde é túa , uns consultorios sobre sexualidade dirixidos a mozos de entre 15 e 17 anos.

Aínda que os participantes mostráronse tímidos ao comezo da xornada e, segundo comentaron dende Cruz Vermella, daban por feito que sabían moitas cousas, pouco a pouco as dúbidas foron aflorando. Como se usan os preservativos ou cuestións relacionadas coa pílula do día despois foron algúns dos temas polos que máis se interesaron os participantes nunha iniciativa pensada para tratar aspectos coma a prevención de enfermidades ou os embarazos non desexados.