O Círculo Mercantil foi escenario da presentación en Ribeira dun colectivo contra a discriminación por sexos
02 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Hai pouco máis dun ano que naceu a asociación Homes Galegos pola Igualdade, un colectivo disposto a acabar cos tópicos e a demostrar que a loita pola equidade non lle corresponde só ás mulleres senón que o home ten tamén un papel importante. Esta fin de semana a entidade presentouse en sociedade na comarca cun acto no Círculo Mercantil de Ribeira.
Segundo explicaron durante a presentación o presidente e secretario da asociación, Francisco Nebril e Ramón Torrente, a meta que persegue o colectivo non é outra que facer entender aos varóns que sairán gañando coa igualdade real e efectiva entre homes e mulleres. Trátase, segundo comentaron, de acabar cos tópicos machistas e o rol de «varón dominante» e camiñar «cara o home do futuro».
Á presentación asistiron tanto profesores dos diferentes centros de ensino do municipio coma o alcalde, José Luis Torres Colomer, representantes das forzas de seguridade e traballadores do xulgado. Ana Valdés, directora do instituto Número Un, foi a encargada de presentar e dar a benvida aos responsables do colectivo Homes Galegos pola Igualdade e mostrouse moi satisfeita pola elevada participación no acto.
Colaboración
Que fora Ana Valdés a encargada de presentar ante a sociedade ribeirense a este colectivo non é unha casualidade, xa que instituto e asociación entraron en contacto a través dos premios que, por primeira vez, entrega Homes Galegos pola Igualdade e que recaeu nun dos docentes do centro educativo ribeirense.
Valdés loou a labor do colectivo e asegurou que «despois de tantos anos de loita das mulleres, vai sendo o momento de que os homes dean a cara».
Premio
O primeiro Home Galego pola Igualdade é Juan Carlos Hermida Bouza e recibirá o seu premio en un acto que se vai celebrar en Santiago o vindeiro 17 de decembro e ao que asistirán distintas autoridades, como Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade.
Aproveitando a asistencia do alcalde de Ribeira á presentación, os responsables do colectivo plantexaron a posibilidade de que a segunda edición dos galardóns que premian a persoas que destacan na loitan pola igualdade tanto dende o ámbito privado coma no profesional se celebre en Santa Uxía, idea que Torres acolleu de bo grado.