A asociación Ambar está a levantar un invernadoiro no que traballarán persoas con discapacidade e maiores
27 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A asociación Ambar está a desenvolver un novidoso proxecto formativo que, como a maioría das actuacións que leva a cabo, pretende favorecer a integración das persoas con diversidade funcional. Nos terreos anexos ao novo centro de recursos do colectivo, están a levantar un invernadoiro que ten dúas características singulares con respecto a outras iniciativas similares: servirá para cultivas plantas aromáticas e medicinais e pretende incorporar ao traballo a persoas en idade da xubilación.
Milagros Rey, presidenta de Ambar, explicaba que as iniciativas que teñen desenvolvido con xente maior, sexa en centros de día ou residencias, tiveron un resultado moi positivo pola predisposición destas persoas a aprender cousas novas e participar nas actividades. Foi por estas boas experiencias polas que xurdiu a idea de que os xubilados tivesen a oportunidade de participar neste novo programa.
Módulos
Segundo explicou Milagros Rey, o curso no só pretende ser un ciclo ocupacional, senón de formación, implicando ao alumno para que aprenda os coidados que require cada planta das que se sementarán no invernadoiro. O obxectivo é ensinar aos participantes o calendario de semente, o momento de facer os transplantes, a necesidade de auga que ten cada especie, etcétera.
Para lograr que os estudantes adquiran uns coñecementos sólidos, o proxecto está plantexado en módulos teóricos e prácticos que se prolongarán durante nove meses. Un grupo de 28 alumnos comezou xa a parte da teoría, mentres continúan os traballos para levantar o invernadoiro. Unha vez que estea listo, poñeranse mans á obra de inmediato.
En canto ás especies que se cultivarán nas novas instalacións de Ambar, tratarase sobre todo de plantas aromáticas, xa que na zona non se teñen desenvolvido outras iniciativas similares. En canto ao destino que terán estes vexetais, en Ambar non descartan elaborar ambientadores metendo estas plantas en bolsiñas, aínda que esta posibilidade non se incluíu neste proxecto.
Convenio
Por outra parte, onte mesmo a presidenta de Ambar firmou un convenio co conselleiro de Medio Ambiente polo que o seu departamento destinará 30.000 euros á recollida de aceites usados nos concellos de Rianxo, A Pobra, Ribeira, Boiro e Porto do Son. A idea é que sexan persoas con diversidade funcional as que se dediquen á recollida selectiva dos aceites en desuso.