Ribeira exporta talento

BARBANZA

Dúas actrices do Grupo Municipal de Teatro Afeccionado conseguiron cadanseu premio nun festival madrileño

26 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Grupo Municipal de Teatro Afeccionado de Ribeira vén de conseguir dous novos premios, desta vez nun certame madrileño, e a piques estivo de traer o máximo recoñecemento ao atoparse entre os tres finalistas. Os galardóns obtidos corresponden a dúas das actrices da compañía e veñen a demostrar, segundo comentou o propio director, Segundo Durán, a calidade dos artistas ribeirenses.

O concelleiro de Cultura, Luciano Fernández, foi o encargado de dar a coñecer os premios obtidos pola agrupación municipal na edición número trece do Festival de Teatro Aficionado de Rivas Vaciamadrid, no que participaron ao ser elixidos entre 96 candidatos. Fernández destacou que, aínda que os galardóns logrados son individuais -mellor actriz principal e de reparto- premian a labor de todo o grupo porque «para gañar, calquera actriz ten que estar arroupada polos seus compañeiros, sentirse cómoda, e iso faino o equipo».

O concelleiro de Cultura desfíxose en eloxios para as dúas artistas galardoadas, Kika Fernández e Francisca Rey, ás que lle agradeceu a súa labor e a doazón ao Concello dos premios, que farán necesario «colocar unha vitrina no auditorio para gardar todos os trofeos, tanto do grupo de teatro coma dos demais colectivos». Aínda así, botoulle en cara ao director non ter traído de Madrid o premio ao mellor grupo: «É un pequeno tirón de orellas para motivalo e que siga traballando como ata agora».

Agradecementos

As artistas galardoadas no festival de Rivas tamén interviñeron para dar as grazas e brindarlle o seu premio aos seus compañeiros. Kika Fernández, mellor actriz principal, insistiu na idea de que o recoñecemento é para todo o grupo. «Esto no tiene sentido si no hay otra gente detrás, no sería posible si no hubiese compañeras que comparten mi pasión por el teatro», asegurou.

Pola súa parte, a veterana Francisca Rey deu as grazas aos seus compañeiros, ao Concello e ao edil de Cultura, «que ha hecho posible que esto vaya arriba», ao público e ao director da compañía, «que hizo que yo pudiera seguir siendo lo que soy como actriz».

Segundo Durán pechou as intervencións destacando a boa saúde da que goza o teatro no municipio. «Que un elenco formado solo por mujeres se traiga los dos únicos premios femeninos del festival es una muestra de la calidad del grupo de teatro de Ribeira», dixo, e concluíu dedicando «todo muestro trabajo a esta ciudad».