Solidariedade sobre rodas

Marta López Tejerina

BARBANZA

A plataforma móbil da campaña de sensibilización de Cooperación Galega chega ao Malecón de Ribeira

26 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A campaña Achégate á Cooperación Galega 2008 chegou onte ao Malecón de Ribeira, onde permanecerá durante todo o día de hoxe. Trátase dunha iniciativa da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, que conta co patrocinio da Deputación da Coruña e de Caixa Galicia. A plataforma móbil percorrerá nos próximos días os principais concellos de Barbanza co obxectivo de difundir a situación dos países en desenvolvemento e sensibilizar aos cidadáns sobre a loita global contra a pobreza.

A subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Carlota Román, foi a encargada de inaugurar a exposición itinerante. Na presentación estivo acompañada da concelleira de Asuntos Sociais, Esther Patiño Rey, e do portavoz do Partido Socialista, José Antonio Novoa Romay. Ambos quixeron felicitar aos organizadores da iniciativa e mostrar o seu apoio á causa da cooperación cos pobos máis desfavorecidos.

Carlota Román indicou cales son os obxectivos deste proxecto. «Pretendemos explicar a través de paneis con fotografías e textos que é a cooperación, que nós entendemos como unha política de solidariedade e de responsabilidade. Queremos achegar a cidadanía galega á realidade que viven os máis desfavorecidos do planeta», dixo.

Ademais dunha serie de paneis explicativos onde quedan reflectidas as distintas parcelas de actuación do sistema de cooperación galego -educación, saúde, muller, promoción do tecido económico e desenvolvemento cívico e institucional-, a exposición inclúe unha selección de produtos de comercio xusto, así coma unha serie de publicacións dos distintos actores de cooperación: organizacións non gobernamentais, universidades e empresas. Na plataforma tamén hai unha zona habilitada cun proxector e unha pantalla na que reproducir vídeos explicativos.

Cidadáns do futuro

Varios colexios da zona concertaron visitas á exposición para que os máis pequenos poidan desfrutar dunha xornada dedicada á solidariedade. Carlota Román destacou a importancia de implicar aos nenos nestas actividades, xa que eles son os cidadáns do futuro e, polo tanto, «debemos educalos en base aos valores de xustiza e igualdade».