O culto a San Ramón en Bealo

Alberto Piñeiro

BARBANZA

A devoción do cura Xosé Bravo levouno a promover a construción da capela na honra do alcumado Nonnato

26 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Conta a historia que en Portell (Cataluña), no ano 1200, veu ao mundo San Ramón, ao que alcumaron Nonnato por mor de ter sido extraído mediante unha cesárea do ventre da súa nai, que morreu durante o parto. Co tempo, o santo chegou a converterse no avogado das mulleres xestantes, devoción que no transcorrer dos séculos viñeron herdando ducias de xeracións cristiás, despois de que el en vida fose un pastor que decidiu enrolarse na Orde da Mercé, fundada en Barcelona no 1218 por San Pedro Nolasco para a redención dos cativos.

A súa imaxe é aínda hoxe venerada en numerosos templos esparexidos por todo o país, pero nestas liñas imos tratar de un en concreto, e preguntármonos por que a mediados do século XVIII, nunha chancela situada no que por entón se denominaba Campo dos Outeyriños, na parroquia de Bealo, un cura chamado Xosé Bravo de Castro mandou erguer unha ermida na súa honra.

Na reitoral bealense procuramos información no despacho do actual párroco, Francisco Pena Calvar, sobre o motivo da instauración da festividade, e velaquí que achamos a orde testamental na que don Xosé Bravo fai constar as obrigas que teñen os seus continuadores no cargo de administradores da capela de San Ramón, apuntándonos, así mesmo, que é a súa devoción polo santo catalán a que o empurra a consagrar o templo: «Iten digo haber tenido siempre especial devoción con el señor San Ramón Nonnato, y por lo mismo hice promesa de hacerle, como le hice construir a mi costa y expensas, una capilla en terreno mío propio sito en el campo que se nombra de los Outeyriños?»

Ilustre mediación

No comezo da escritura, lemos como é unha destacada figura da intelectualidade galega do século XVIII, Diego Antonio Cernadas y Castro, o Cura de Fruíme, quen leva a orde ao notario: «Certifico yo, Carlos Antonio de Andrade, notario apostólico vecino de la feligresía de San Martín de Fruíme, que don Diego Antonio Cernadas y Castro, rector de la citada feligresía, arcipreste de este partido y cumplidor de don Joseph Bravo, que lo ha sido de la de San Pedro de Bealo, me presentó el testamento y última disposición de dicho difunto cura, de la que parece haber dado fe Francisco Antonio García Ferrares, siervo de su majestad, y vecino de la villa de Rianjo, según suma haberse otorgado en los diez y nueve de mayo de el año de mil setecientos y sesenta?»

Pescudando en máis papeis avellentados que nos facilita Francisco Pena, apuntamos axiña o nome de tres homes de Bealo: Gregorio de Resúa, Francisco de Otero e Afonso Alcalde. Os tres son os primeiros donantes de terreos que formarán parte do campo de San Ramón. Corría o ano 1739, concretamente o día 12 do mes de xaneiro, cando esa doazón se levou a efectos ante notario na vila de Rianxo. No texto legal afirman que deciden entregar os terreos porque don Xosé Bravo de Castro vai construír unha capela na honra de San Ramón, e que a súa cesión e traspaso servirá para soster «la referida fundación y obra pía». Pero terán que pasar 15 anos, ata o 1754, para que comecen as obras do templo.

O 18 de maio de 1754 empezan os canteiros a cortar a pedra coa que se construirá a ermida; dous son os mestres que se encargan dos traballos: Diego Francisco Fontenla e Bonifacio Parada, ambos os dous veciños da freguesía de San Miguel do Campo. A partir da datación das facturas de pagamento a estes mestres canteiros, concluímos que a execución do proxecto se prolongou ata 1758, ano en que don Xosé Bravo consagra o culto, circunstancia acaecida no día 22 de agosto.

Así pois, dende as primeiras doazóns de terreos ata o remate da capela vemos que transcorreron 19 anos, moitos incluso para a profunda e probablemente certa devoción dun párroco que, semella que reconfortado por ter realizado o seu labor vital esencial, morreu poucos meses despois de ter erguido o santuario. Agora ben, a súa devoción por San Ramón acaso non estará motivada pola idea de aproveitar o feito de que no Campo dos Outeyriños, dende tempos inmemoriais, se celebrasen ritos precristiáns vencellados á fertilidade -do que son testemuños petróglifos como os da Laxe da Serpe ou do Agueiro- para transformar esas festas pagás en celebracións cristiás? ¿É casualidade que xustamente se erixise alí un templo no que honrar o patrón das mulleres xestantes?

Sobre os sucos dos outeiros gravados fican aínda moitos misterios por descubrir. Nosa é a misión de mirar por conservalos e comprendelos: só así chegaremos un día ao final do fío de Ariadna da nosa historia.