Emprender en feminino

Marta López Tejerina

BARBANZA

Boiro alberga a exposición «Mulleres Pioneiras», que lembra a vinte empresarias galegas xa desaparecidas

12 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Ao longo dos anos, as mulleres teñen acadado grandes logros grazas ao seu esforzo e sacrificio. Para chegar á situación actual, foi necesario que moitas loitadoras se deixasen a pel traballando para saír adiante. A exposición Mulleres Pioneiras quere homenaxear a estas emprendedoras cuxa memoria foi escurecida co paso do tempo. Boiro alberga a mostra no recibidor da súa casa consistorial, que estará aberta ao público ata o xoves.

En Galicia, coñecida por ser terra de «viúvas de vivos e mortos», numerosas mulleres romperon cos esquemas preestablecidos e emprenderon grandes proxectos por si mesmas, sen depender de ninguén. Mentres os seus homes navegaban por mares afastados, elas ficaron na terra levando adiante iniciativas económicas, moitas delas dunha transcendencia que chega ata os nosos días.

Vinte foron as elixidas para representar a aquelas pioneiras galegas que, na súa época, abriron o camiño da emancipación ás que viñeron despois. A exposición está formada por unha fotografía e unha breve biografía de cada unha delas.

Memoria

O principal obxectivo da mostra é evitar que o labor das súas protagonistas sexa esquecido co paso do tempo. «Queremos reivindicar as súas caras, as súas historias, as súas memorias, o seu esforzo para poñer en marcha ideas e convertelas en riqueza para elas e para o seu país», di o texto que introduce a exposición, e que firma a directora xeral do Servizo Galego de Igualdade da Xunta, Ana Luísa Bouza Santiago.

Unha das vinte homenaxeadas era veciña de Boiro, e por iso o panel dedicado a ela atópase no centro da exposición. Chamábase Isabel Maestre López e traballou en múltiples sectores: a alimentación, a madeira e as pompas fúnebres foron as súas principais apostas. Tamén abriu o cinema Gran Vía e foi a primeira empresaria da bisbarra que investiu no sector da venda de combustible.

O compromiso político tamén está presente na exposición. Algunhas das mulleres que a compoñen foron destacadas militantes da esquerda galeguista. Represión, cárcere e exilio quedan reflectidos nas súas historias. Na elaboración das biografías colaboraron a revista Ardentía, o Consello da Cultura Galega, o Museo Arqueolóxico de Ourense e anuarios e arquivos, ademais das testemuñas dos familiares.