A apertura ao público da exposición «Artistas Muradáns» xerou unha grande expectación na bisbarra
05 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.«Esta mostra trátase dunha importante iniciativa, que conta co apoio institucional da Deputación e o impulso persoal da responsable de Cultura desta entidade, Caridad González. Desexo que esta primeira experiencia sexa todo un éxito, e espero que en vindeiras ocasións poidamos dar tamén a oportunidade a novos creadores desta fermosa comarca de Muros».
As verbas do presidente da Deputación coruñesa, Salvador Fernández Moreda, amosan o éxito da mostra Artistas Muradáns, na que, durante todo este mes de agosto, se poden contemplar obras de artistas de Muros e Carnota. Fernández Moreda felicitou, a través dunha misiva, a Carmen Armendáriz, Lolita Barreiros, ao taller Charamusca, Estrella Facorro, Bernardino Fernández, Elena Freire, Laura Gallardo, O Parrallo, Nando Lestón, Conchita Montenegro, Montse París, Luisa Paz, Antonio Carracedo, Nacho Porto, Paz Rey, Bea Sampedro, Alejandro Senande, Carmen Senande e Pepa Sestayo, participantes na mostra.
Os artistas da comarca de Muros contan co mecenado da Deputación de A Coruña para dar a coñecer ao mundo as súas creacións, algunhas das cales xa se poden contemplar na mostra, inaugurada o pasado sábado polo ministro de Cultura, César Antonio Molina, nos locais municipais da Horta de San Xosé.
Expectación
Nesta exposición abundan as obras feitas en óleo sobre lenzo, pero tamén poden atoparse gravados, acuarelas, pinturas en táboa, acrílicos, gravado en pel natural, cerámica, cartón pedra, madeira policromada, artesanía ornamental, e outras técnicas artísticas.
A expectación que xurdiu entre veciños e visitantes da bisbarra muradá por contemplar esta mostra púxose xa de manifesto dous días despois de abrirse ao público, como amosan os centos de visitantes rexistrados. Tamén é notorio o interese por contactar cos artistas participantes na iniciativa, tanto para coñecer o valor da obra exposta como para facer encargos.
A mostra conta con un guía permanente, quen, amais de informar aos visitantes sobre o conxunto da exposición, facilitará todo tipo de datos referidos aos artistas que presentan obras nesta exposición, así como ás modalidades creativas e aos aspectos comerciais das pezas.
A sala de exposicións permanecerá aberta ao público de 10.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00, agás os domingos e festivos, que só se abrirá en horario matinal.