Nova cita cabalar en Couso

BARBANZA

Está previsto que máis de 250 exemplares participen no primeiro concurso equino Cidade de Ribeira

25 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O mundo equino conta cada vez con máis afeccionados na comarca de Barbanza. Proba disto é o impresionante éxito que acadou o concurso celebrado hai unhas semanas en Praia Xardín, en Boiro. A esta cita anual engadirase a partir de agora o certame Cidade de Ribeira, que o vindeiro día 6 vivirá a súa primeira edición na área de ocio de Couso.

Os promotores desta cita son os integrantes da Asociación de Amigos del Caballo de Ribeira, unha entidade que está en proceso de constitución e que ten como obxectivo principal introducir a cultura equina en Barbanza. Así o afirmou onte o presidente, Alberto Sampedro, quen sinalou que, aínda que o colectivo inicia a súa andaina con cinco socios, a partires do mes que ven esta cifra verase notablemente incrementada: «Somos bastantes os ribeirenses que estamos a competir a nivel autonómico e nacional e que estamos interesados en organizar actividades no municipio».

No acto de presentación do concurso equino Cidade de Ribeira, Sampedro estivo arroupado polos concelleiros de Turismo e de Cultura de Ribeira, Vicente García e Luciano Fernández, respectivamente. Os dous destacaron que o Concello sempre apoiará todas as accións que contribúa a incrementar a oferta de ocio dos veciños e a favorecer a afluencia de visitantes.

Colaboración

Ademais do Concello de Ribeira, na organización deste certame colaboran diversas empresas: «Grazas ao apoio destas firmas puidemos establecer premios, xa que os comezos nunca son doados», comentou Alberto Sampedro. Os exemplares que queden mellor clasificados nas distintas categorías recibirán agasallos en metálico que oscilan entre os 100 e os 30 euros. Tamén se concederán trofeos.

Aínda que o número final de exemplares non se coñecerá ata o mesmo día do concurso, que será cando se realicen as inscricións correspondentes, a organización calcula que se darán cita en Couso uns 280 cabalos. Neste sentido, Sampedro comentou que a maior parte dos xinetes desprazaranse desde diversos puntos de Galicia, aínda que tamén está prevista a participación nas probas de algúns afeccionados procedentes de Zamora.

A asociación promotora desta iniciativa convida a todos os veciños da comarca a darse cita en Couso para gozar coa espectacularidade das probas.