Ribeira lembrou a Curros

BARBANZA

A cidade sumouse aos actos celebrados en toda Galicia con motivo do centenario do pasamento do escritor

06 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Unhas cincuenta cidades e vilas de Galicia lembraron onte a figura de Manuel Curros Enríquez, un dos principais representantes do rexurdimento da literatura galega xunto con Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. O motivo de tal homenaxe non era outro que a conmemoración do centenario do pasamento do poeta. En Barbanza, Ribeira sumouse ao chamamento feito dende a fundación que leva o nome do literato, mediante a organización dun pequeno acto cultural

Na rúa Curros Enríquez da cidade déronse cita o tenente de alcalde Vicente García e o concelleiro de Cultura, Luciano Fernández. Os encargados de abrir o acto foron os integrantes da agrupación folclórica A Gandaina, que interpretaron pezas típicas da terra galega. Posteriormente, o técnico de Cultura Unai González tomou a palabra para ler o primeiro poema que o homenaxeado escribiu en galego, uns versos que datan do ano 1969 e que se titulan Cantiga , aínda que son coñecidos popularmente como Unha noite na eira do trigo .

Luciano Fernández foi o encargado de ler o manifesto elaborado para a ocasión, a través do que puxo de relevo o traballo que o escritor homenaxeado levou a cabo a prol da lingua e da literatura galegas.

Participación social

O concelleiro de Cultura tamén fixo referencia á realidade social do municipio: «O tecido asociativo de Ribeira é forte e debemos de seguir co apoio e a colaboración estreita para garantir a participación social na vida cultural». O grupo A Gandaina puxo fin á homenaxe, interpretando o himno galego.

Aínda que, como no resto das vilas que se sumaron a esta conmemoración, o executivo ribeirense elixiu a rúa Curros Enríquez como escenario dos actos, os veciños que residen en toda a zona do Monumento foron conscientes onte da celebración dun feito especial. Coma se dunha xornada festiva se tratara, os membros da agrupación A Gandaina, de Palmeira, realizaron un pasarrúas tocando pezas típicas de Galicia como muiñeiras e foliadas.

Ademais de Ribeira, outras 53 vilas e cidades da comunidade galega que contan cunha rúa denominada Curros Enríquez tamén conmemoraron onte o pasamento do escritor. Entre os lugares que se sumaron a esta homenaxe colectiva atópanse A Coruña, Pontevedra e Vigo.

Das comarcas de Barbanza, Muros e Noia, Ribeira foi a única vila que participou no programa 54 rúas cantan a Curros .