A diversidade en imaxes

BARBANZA

Ambar ven de convocar unha nova edición do certame de curtametraxes «Nada sobre nós sen nós»

05 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Co fin de promover mediante a expresión audiovisual o tratamento do fenómeno social da diversidade funcional como unha cuestión de dereitos humanos, a asociación Ambar ven de convocar unha nova edición do certame de curtametraxes Nada sobre nós sen nós . Como en anos anteriores, a temática dos traballos que concorran a este concurso debe ser a discapacidade sen distinción de xéneros.

Neste certame poderán participar todas as persoas que o desexen, mediante a presentación de traballos audiovisuais dun máximo de trinta minutos de duración que non foran realizados antes do ano 2004. Ambar estableceu dúas categorías, unha para as cintas de contido documental e outra para as de ficción.

Os interesados en concorrer a este concurso terán que facer chegar os vídeos á sede do colectivo Ambar, situada na rúa Castelao da Pobra, entre o 1 de setembro e o 10 de outubro. Un comité designado pola asociación será o encargado de avaliar os traballos e seleccionará dez. Despois será un xurado, integrado por persoas vinculadas aos eidos do audiovisual, dos dereitos humanos e da diversidade funcional, o que outorgue os premios establecidos.

Mil euros de premio

Nesta ocasión, a entidade fixou un primeiro galardón para a categoría de obra documental e outro para os traballos de ficción. Os gañadores de cada modalidade recibirán un diploma e un talón por importe de mil euros. A maiores, Ambar deixou aberta a posibilidade de conceder tres mencións honoríficas.

A proclamación das curtas vencedoras desta edición de Nada sobre nós sen nós terá lugar en Boiro, no marco do ciclo Imaxe 08 que se desenvolverá na localidade no vindeiro mes de novembro. Ao longo de ditas xornadas audiovisuais está previsto que tamén se proxecten as cintas galardoadas.

Proxección internacional

A presidenta da asociación Ambar, Milagros Rey, confía en que este ano se supere a cifra de obras presentadas que se acadou o ano pasado, cando concorreron ao certame 16 cintas. Tamén espera que, tal e como ocorreu no 2007, se sumen a esta iniciativa creadores do panorama internacional. Daquela, ademais de autores de diversos puntos de España, chegaron ata Barbanza traballos realizados en Brasil e en China.

Na pasada edición do certame, Asier Urbieta fixérase co máximo galardón establecido polo traballo Músika . Tamén recibiran mencións honoríficas Paulina Jiménez Aguilar e Sueli Nasimiento.

A experiencia Nada sobre nós sen nós iniciou a súa andaina no ano 2005 e forma parte do programa de iniciativas que Ambar ten en marcha co obxectivo de conseguir que as persoas que sofren diversidade funcional deixen de ser tratadas dun xeito distinto e poidan así integrarse dunha forma máis doada na sociedade.

Co fin de que a convocatoria deste concurso chegue ao maior número de persoas posible, a asociación levará a cabo unha intensa campaña publicitaria. Tamén colgará toda a información relativa a esta actividade en Internet. Poderá accederse a ela a través da páxina web www.asociacionambar.org .