Case 200 rapaces de Ribeira participaron nos certames de prosa, poesía e cómic promovidos polo Concello
27 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A partir de agora ninguén poderá poñer en dúbida as dotes literarias que teñen os nenos de Ribeira. Polo menos, o interese por escribir que existe entre os cativos do municipio queda máis que demostrado co éxito que tivo o certame de prosa, poesía e cómic organizado polas Concellerías de Cultura e Educación con motivo da celebración do mes das Letras Galegas. Case douscentos críos de idades comprendidas entre os 7 e os 13 anos presentaron traballos a este concurso.
Como premio principal, todos estes nenos tiveron na mañá de onte a posibilidade de abandonar por unhas horas os seus pupitres para darse cita no auditorio da cidade, onde presenciaron un espectáculo de conta contos a cargo da compañía Imaxinaria Teatro, que puxo en escena a obra O castelo dos sons .
Ata as instalacións municipais desprazouse tamén o concelleiro de Cultura de Ribeira, Luciano Fernández, que axudado polo técnico Unai González, repartiu distintos agasallos entre os presentes. Todos os cativos recibiron un diploma e unha camiseta coa caricatura de Xosé María Álvarez Blázquez, escritor ao que este ano se lle dedicou o día das Letras Galegas.
Vinte premiados
A maiores, os 18 premiados, tres por cada categoría, obtiveron un lote de libros de literatura galega. Na modalidade de prosa, foron agasallados Javier Domínguez Mariño, co texto Xosé María e a gran competición ; Michelle Peña González, con As notas instrumentais ; Daniel Argibay, con O día da árbore ; María del Carmen García Sieira, con Cipriana e o ma r; Carmen Martínez Fernández, con Gaspar ; e Adrián Domínguez Pérez, con Xurxo e o cazadragóns .
No apartado de poesía, o xurado do concurso decidiu premiar a Alex García Parada, pola obra Xosé María ; a Irene Fariña Martínez, por Canciño de ouro ; Alexandre Olveira Pérez, por Eu teño un avión de papel ; Sergio Formoso, por Regalo para miña nai ; Ana Suárez Vidal, por A rosa do meu xardín ; e Germán Rodríguez Pena, por A tola .
Completan a relación os seis nenos que gañaron o certame no apartado de cómic: Lucas Fernández, con Un saurio namorado ; Patricia Pouso, con As letras ; Andrea González, con Os alimentos ; Diego Torres, con Medu ; Sergio Fernández, con As curtas aventuras de Pitt e Paht ; e David Brión, con Ben 10 .