Un libro de 160 páxinas editado polo Faiado fai un repaso polos xacementos que houbo na comarca
24 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Facer un percorrido polas explotacións de minerais máis importantes que houbo na comarca de Barbanza e incluso achegarse á vida dalgunha das persoas que alí traballaron é posible mediante o libro Introdución á minería no Barbanza . O volume, editado pola asociación O Faiado en colaboración coa Cámara Mineira de Galicia, foi presentado a noite do xoves no auditorio de Ribeira, nun acto que foi moi concorrido.
De abrir a presentación encargouse o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Francisco Aréchaga Rodríguez, que destacou a importancia que este sector tivo para a economía da comunidade. Como feito anecdótico, comentou que a lousa que se extraía do subsolo galego utilizábase para recubrir os tellado de toda Europa.
O rexedor local, José Luis Torres Colomer, destacou a importancia que ten este volume, de 160 páxinas, sinalando que el descoñecía a existencia de tantas prospeccións mineiras en Barbanza e, máis concretamente, no municipio ribeirense.
Tanto o alcalde como o concelleiro de Cultura, Luciano Fernández, se referiron a José Manuel López García, un ribeirense que traballou nas minas de San Finx, onde exerceu de contable e tamén formou parte do persoal do economato.
Fonte de riqueza
Pola súa banda, a edila de cultura de Lousame, Teresa Villaverde, salientou a importancia que e o valor que as antigas minas teñen a nivel patrimonial, sinalando que poden chegar a ser unha importante fonte de riqueza se se xestionan de xeito adecuado.
No nome da asociación O Faiado tomou a palabra a súa presidenta, Luisa López, que aproveitou a presenza das autoridades municipais para lanzar unha serie de peticións. Expuxo a necesidade de revisar as antigas explotacións mineiras da comarca co fin de sinalar o seu perigo: «Hai pozos que se cubriron con lixo que, co paso do tempo, acaba descompoñéndose, co que, a pouca presión que se faga enriba, vaise todo abaixo».
López tamén propuxo que se colocaran reixas nos accesos ás galerías, para propiciar o acceso de persoal especializado e a visualización do interior. Do mesmo xeito, apostou por facer máis traballos de investigación.